Redacción 09/05/2021

O secretario xeral dos socialistas pontevedreses, David Regades, pregúntalle ao Goberno galego se alguén se avergoña de seguir a organizar estas “repañotas partidistas de medianoite”

Tan só 8 dos 52 concellos da provincia que tiñan dereito á axuda puideron conseguila e, de entre eles, 7 teñen alcalde/sa do PP -David Regades: “As Alcaldías do PP representan escasamente o  20% da poboación na provincia e lévanse case o 90 % dos fondos”

A última convocatoria de subvencións para obras en equipamentos e servizos municipais entre concellos de menos de 20.000 habitantes, que foi parar moi maioritariamente a concellos gobernados  polo Partido Popular, é “un escándalo maiúsculo de caciquismo” en palabras do secretario xeral dos/as socialistas galegos, David Regades, quen engade que a Xunta continúa, en pleno século XXI,  con prácticas decimonónicas e indignas en Democracia.

“A chegada das novas tecnoloxías, lonxe de corrixir vellos hábitos, está a servir para acentuar a opacidade dun Goberno que se resiste a cambiar o seu “modus operandi” no xeito de relacionarse co  municipalismo”. “As Alcaldías do PP gobernan escasamente ao 20% da provincia e lévanse case o 90% destes fondos”, lamenta.

A convocatoria destas últimas subvencións non primou a calidade dos proxectos, nin asignou fondos en función de criterios regrados. Optouse por volver utilizar a vía non competitiva (excepcional na lexislación sobre Subvencións) e cinguíndose unicamente á orde de rexistro das solicitudes ata esgotar o crédito, que era de só 2,3 millóns de euros para toda Galicia. O resultado, engade  Regades, foi que os cartos acabáronse en só 9 minutos e 43 segundos “nunha repañota partidista de medianoite para concellos do PP avisados con antelación, mentres que os demais tiveron os  detalles na convocatoria publicada só un día antes”.

Tan só 8 concellos sobre os 52 existentes na provincia de Pontevedra con menos de 20.000 habitantes lograron a subvención. Deles un total de 7 están gobernados polo Partido Popular (Vilanova  de Arousa, Crecente, Dozón, A Lama, Mos, Oia e Sanxenxo) e tan só A Cañiza (PSdeG-PSOE) conseguiu entrar despois dunha intensa xornada de traballo preparando toda a documentación  necesaria para un proxecto que, afortunadamente, xa tiñan redactado. “Contan que algúns alcaldes e alcaldesas xa aprenderon que hai que estar diante do ordenador e premer a tecla de enviar cando falta un  minuto para a medianoite, contando con que o Rexistro electrónico da Xunta está saturado. Aínda así arríscanse a quedar fóra por misterios da tecnoloxía”.

Con todo, a ridícula partida de 2,3 millóns para toda Galicia tradúcese nun tope de 67.760 euros por concello “unha propina-subvención concibida para alimentar a máquina clientelar do PP”. O  secretario xeral do PSdeG-PSOE Pontevedra provincia advirte de que aínda nos faltan os concellos beneficiarios do Plan Hurbe, que adoita repartirse pola mesma vía. David Regades conclúe instando á  Xunta de Galicia a “revisar de oficio a súa relación cos concellos e a articular fórmulas de colaboración regradas e con financiamento suficiente, ao estilo do que fai a Deputación de Pontevedra co Plan  Concellos, que entrega 42,5 millóns de euros a tódolos concellos da provincia con criterios equitativos e transparentes”.

Esta web utiliza cookies propias y de terceros para su correcto funcionamiento y para fines analíticos. Al hacer clic en el botón Aceptar, aceptas el uso de estas tecnologías y el procesamiento de tus datos para estos propósitos. Personalizar Cookies
Privacidad