Redacción 08/05/2021

O Concello traballa “nunha programación para todos os públicos” que comezará o vindeiro mes de xuño cumprindo escrupulosamente todos os protocolos e medidas anti Covid-19.

 

Tras ter retomado a actividade ao aire libre para maiores mediante o programa municipal no Paseo do Louro e no parque biosaudable da Pateira titulado ‘Activa – mos – nos’, o Concello de Mos traballa nunha programación deportiva e cultural de cara ao vindeiro mes de xuño, que será cando se inicien as actividades. Anuncia así o Concello a volta de Mos “á vida municipal activa”, pero sempre primando e garantindo todos os protocolos e medidas anti Covid-19: desenvolvemento en exteriores, mantemento das distancias de seguridade, aforos reducidos, uso de máscara, desinfección e hixiene, etc. 

Agora o Concello prepárase para promocionar unha vida saudable ao aire libre e nas instalacións públicas exteriores durante todo o verán. Deste xeito organizaranse clases de pilates no parque de Sanguiñeda, de zumba en Costoias (Tameiga) e de aquagym na piscina ao aire libre de San Eleuterio. Así mesmo levaranse a cabo andainas tanto medioambientais como culturais.

As medioambientais discorrerán por montes e carreiros das parroquias. Realizaranse de xuño a outubro polas parroquias de Pereiras, Cela, Mos, Torroso e Louredo. Todas terán un percorrido mínimo de 5 km e máximo de 8,5 km. Son de percorrido moderado apto para todas as idades, e ademais poderanse realizar acompañadas de mascotas sempre que estas saiban convivir con máis animais e en compañía de persoas. Contarán coa presenza de Protección Civil, indicacións nos cruces para que ninguén se perda… etc. Todas se celebrarán durante as mañás dos domingos.

Desde a concellería de Medio Ambiente estase a traballar tamén nun programa de sendas e percorridos por Mos para dar a coñecer os recunchos do concello, que se poderán consultar na web municipal e simplemente consiste en que a xente se descargue no móbil a aplicación Wikiloc e grave o seu roteiro, ten que ser sempre por espazos públicos e de libre tránsito, e envialo ao Concello que se encargará de subilo a esta plataforma creada na web.

As andainas culturais levarán por título ‘Coñece a túa parroquia’. Discorrerán polas parroquias de Sanguiñeda, Petelos, Tameiga, Dornelas e Guizán e os camiñantes participantes irán acompañados dun guía que lles explique os recursos patrimoniais, arquitectónicos, escultóricos, históricos e culturais que vaian atopando na súa ruta por cada unha das mencionadas parroquias.

Deste xeito nas andainas culturais visitaranse os sitios emblemáticos de cada parroquia: lugares, monumentos, igrexas, aspectos de flora e fauna, etc. O Concello pretende contar coa participación de persoas da parroquia respectiva que queiran colaborar e teñan coñecemento profundo dela, así como aos curas párrocos para poder visitar as igrexas ou ermidas respectivas.

Esta web utiliza cookies propias y de terceros para su correcto funcionamiento y para fines analíticos. Al hacer clic en el botón Aceptar, aceptas el uso de estas tecnologías y el procesamiento de tus datos para estos propósitos. Personalizar Cookies
Privacidad