Xestur acaba de resolver o concurso convocado en febreiro. A conselleira titular de Medio Ambiente, Territorio e Vivenda, Ángeles Vázquez, sinala que a superficie adxudicada, un total de 23 parcelas, permitirá a 16 empresas de diferentes sectores instalarse ou ampliar as súas naves en Galicia, e aforrar até 2,6 millóns de euros. O da Veigadaña é un dos polígonos cuxas parcelas foron rebaixadas e adxudicadas. Fronte a estes 8 millóns para o 2021, a Xunta dedicará apenas 1,5 millóns de euros no periodo 2021-2025 para o programa Bono Alugueiro Social.
A Xunta de Galicia acaba de adxudicar un total de 23 parcelas da súa propiedade en sete polígonos da Comunidade por un importe de 5,78 millóns de euros. Isto supuxo para as 16 empresas compradoras un aforro de máis de 2,6 millóns respecto do prezo de mercado, grazas ás políticas de bonificación que vén aplicando o Goberno galego desde 2015 co fin de fomentar novas implantacións empresariais nos parques que xestiona así como a ampliación de instalacións xa existentes.
A conselleira de Medio Ambiente, Territorio e Vivenda, Ángeles Vázquez, fixo esta semana un balance sobre os resultados do concurso de solo empresarial convocado por Xestur o pasado mes de febreiro durante unha visita ao polígono carballés de Bértoa, onde, segundo indicou, se venderon cinco parcelas.
Os outros polígonos nos que se localizan o resto de terreos adxudicados son Morás (Arteixo), con cinco parcelas vendidas; A Sionlla (Santiago de Compostela), con outras cinco adxudicadas; Veigadaña (Mos), Vilamarín e Viveiro, cunha parcela vendida en cada un deles; e Cuíña (Cervo), onde Sogama adquiriu cinco terreos para construír a futura planta de tratamento de biorresiduos que dará servizo á provincia de Lugo.
Tras lembrar o esforzo constante realizado pola Xunta e os contribuíntes galegos para ofrecer e ampliar a superficie a disposición do tecido empresarial en espazos deseñados especificamente para este tipo de actividades, Vázquez sinalou que ningunha outra administración aplica bonificacións de entre o 30 e o 50% sobre todo o seu solo dispoñible. Un esforzo que este ano se traducirá nunha partida de 8 millóns de euros para poder aplicar estes descontos ás empresas que compren solo xestionado pola Xunta.
Neste sentido, a conselleira aproveitou a visita para anunciar tamén que, nas vindeiras semanas, o Instituto Galego da Vivenda e Solo (IGVS) convocará outro concurso para sacar ao mercado todas as parcelas dispoñibles nos polígonos que xestiona en réxime de compravenda ou en dereito de superficie –unha modalidade que permite acceder ao solo a cambio dun canon anual moi reducido por m 2 e con opción de compra.
En todo caso, cómpre lembrar que, unha vez resolto o concurso, as parcelas que quedaron dispoñibles poderán asignarse a partir de agora de forma directa a aquelas empresas que vaian amosando o seu interese e sempre coas mesmas condicións establecidas no concurso para a compra.
Polo que respecta ao polígono de Bértoa, a conselleira explicou que as cinco parcelas adxudicadas facilitarán o asentamento nesta área empresarial doutras tantas empresas pertencentes ao sector da madeira, do metal e vencelladas a diferentes actividades de carácter loxístico. En total, adxudicáronse máis de 12.000 m 2 –o 22% de todo o solo adquirido ao abeiro do concurso de Xestur por un importe de 491.611,61 euros logo de que aplicar unha bonificación do 50% sobre o prezo de mercado das cinco parcelas.
Grazas a estas operacións de compravenda, como indicou a conselleira, o polígono de Carballo atraerá novas empresas que contribuirán a mellorar a súa competitividade e a consolidar a súa actual posición como polo de desenvolvemento económico para a comarca, a provincia e a Comunidade. Neste sentido, referiuse tamén á actual demanda de máis solo industrial en Bértoa, unha área empresarial cun nivel de ocupación superior ao 80% e na que a Xunta ten previsto
impulsar unha segunda ampliación.
Así, anunciou que o vindeiro mes de xuño o seu departamento licitará a redacción do proxecto sectorial necesario para poder incrementar en 554.000 m 2 a actual superficie do polígono carballés 1,2 millóns de m 2 , que unha vez completada esta ampliación, pasaría a contar con preto de 1,8 millóns de m 2.
Estes importantes investimentos da Xunta na subvención da venda do solo industrial contrasta cos fondos reservados para a bonificación do alugueiro social. Fronte aos 8 millóns que neste ano 2021 serán destinados a vender terreos industriais por debaixo do prezo do mercado, a Xunta dedicará apenas 300.000 para axudar a familias con recursos limitados no pagamento do alugueiro da súa vivenda.