Redacción 06/05/2021

A actuación permitirá ampliar a oferta educativa de bacharelato, con aulas suficientes, para incorporar 2 novas liñas ás 4 de ensinanza secundaria obrigatoria

En paralelo e como solución provisional, os 19 alumnos da ESO á espera dunha praza poderán matricularse no IES de Salvaterra, no que se adaptarán novas aulas

 

 

A Xunta de Galicia continúa coa aposta pola mellora das infraestruturas educativas no Concello de Salceda de Caselas coa ampliación do IES de Pedras Rubias no que a Consellería de Cultura, Educación e Universidade investirá 1,5 millóns de euros. Así o informou hoxe a delegada territorial en Vigo, Marta Fernández-Tapias, tras manter un encontro coa directora do centro, María José Espiñeira Costa, e Sonia Fernández Gómez, en representación da Anpa.

 

Fernández-Tapias explicou a importancia desta ampliación −cuxo proxecto xa foi encargado− para poder atender á demanda dunha poboación en idade de escolarización en continúo crecemento, nun centro que ata o de agora conta con solo 4 liñas de ensinanza secundaria obrigatoria. A proposta recollida nos plans da Consellería é incorporar ao centro un mínimo de dúas novas liñas de bacharelato. En total serían 4 aulas, 2 espazos para desdobre e apoio e 2 laboratorios.

 

Fernández-Tapias indicou que o concello de Salceda non ten PXOM aprobado e que a parcela na que está ubicado o centro é solo rústico de protección forestal, polo que se rexe por normas subsidiarias e pola Lei do Solo de Galicia. Isto implica, dixo, que hai que facer un estudio moi minucioso e detallado da viabilidade urbanística da ampliación por parte do Concello.

 

Solución provisional

En paralelo e como solución provisional ata que o novo centro estea dispoñible, a delegada informou que os 19 alumnos de 4º da ESO do IES Pedras Rubias á espera dunha praza poderán matricularse no IES de Salvaterra de Miño, no que se adaptarán novas aulas. A Xunta garante así a continuidade dos estudos postobrigatorios ao alumando de Salceda de Caselas que así o decida.

 

Cómpre lembrar que a Consellería de Cultura, Educación e Universidade ampliou fai dous anos as instalacións do CEP Altamira de Salceda de Caselas cun investimento de preto de 500.000 euros, e que na actualidade está a executar a ampliación do IES de Salvaterra cun investimento de 587.000 euros. Segundo detallou Fernández-Tapias, esta última actuación permitirá ao alumnado do ciclo formativo de madeira, moble e cortiza realizar as clases prácticas nas instalacións do propio centro.

Esta web utiliza cookies propias y de terceros para su correcto funcionamiento y para fines analíticos. Al hacer clic en el botón Aceptar, aceptas el uso de estas tecnologías y el procesamiento de tus datos para estos propósitos. Personalizar Cookies
Privacidad