As solicitudes para este curso poden presentarse ata o 16 de maio e está dirixido a todas as persoas maiores de idade, preferentemente a aquelas relacionadas coa contorna socioeconómica do Parque
O Parque Nacional das Illas Atlánticas de Galicia volve a ser un ano máis obxecto dos cursos formativos de guías na rede dos parques nacionais. Así, todas as persoas interesadas en participar nesta actividade formativa poden presentar a súa solicitude ata o vindeiro 16 de maio.
O curso, no que colaborará a Consellería de Medio Ambiente, Territorio e Vivenda –a través do Parque Nacional-, terá unha duración de 70 horas e desenvolverase mediante unha plataforma de aprendizaxe en liña. É a primeira fase do mesmo, que se celebrará entre o 21 de xuño e o 6 de agosto de 2021. Tamén se prevé unha parte práctica, presencial e obrigatoria, de 30 horas, que se celebrará nas Illas Atlánticas, a finais de setembro.
Todas as persoas maiores de idade poden inscribirse e participar neste curso, aínda que terán preferencia aquelas que garden relación coa contorna socioeconómica do parque. O obxectivo principal do proxecto é facilitar capacidades aos participantes para poder exercer adecuadamente as funcións de guías de persoas e/ou grupos nos diferentes Parques Nacionais.
Deste xeito, os futuros alumnos recibirán coñecementos sobre as bases conceptuais e teóricas propias da función de guía na rede de Parques Nacionais e para analizar e comprender os principios teóricos da interpretación e a educación ambiental na función do guía ambiental.
O curso divídese en varias unidades didácticas sobre a lexislación básica dos espazos naturais protexidos e dos parques nacionais; o marco europeo Rede Natura 2000; o uso público, o turismo e as accións de voluntariado nestes espazos; a importancia de fomentar e divulgar a educación ambiental e as claves para saber valorar o patrimonio natural; e, por último, información específica sobre os itinerarios guiados.
Esta formación é especialmente útil para aqueles profesionais e empresas do sector situadas na contorna socio-económico dos Parques Nacionais, que pretendan exercer as súas competencias nestes espazos protexidos e necesiten formar e especializar aos técnicos para iniciar, guiar, dar a coñecer os valores dos mesmos, concienciar para garantir a súa conservación e dinamizar un grupo nestes espazos protexidos.
Todas as persoas que desexen participar deberán solicitalo a través da ficha de solicitude de participación, que deben remitir por correo electrónico a for.ceneam@oapn.es. Se cumprimentará unha solicitude por persoa e parque para o que se solicita o curso, ata o 16 de maio.
Cómpre destacar que, desde hoxe, se están a celebrar tamén as prácticas dos participantes nesta actividade formativa o pasado ano, xa que a edición de 2020 quedou en suspenso por mor da pandemia da covid-19.