Redacción 28/04/2021

Trátase de Guadalupe Ordóñez, que desenvolve voluntariado no Concello desde 2016 a través do programa de Voluntariado Dixital que impulsa a Xunta de Galicia, e desde entón é a persoa dinamizadora TIC.

 

Guadalupe Ordóñez Torres, primeiro premio nacional da Fundación Esplai polo seu proxecto presentado á XII edición dos Premios Cidadanía Comprometida 2021 na Categoría de “Voluntariado contra a fenda dixital” e desenvolvido no Concello de Mos, foi homenaxeada onte pola tarde na Axencia de Colocación de Mos, onde realiza a maioría das súas accións de voluntariado. O acto de entrega de premios celebrarase o próximo día 8 de maio pola mañá, no marco da celebración do Foro, que é o principal evento que organiza Fundación Esplai e que, este ano, leva por título “Mocidade Comprometida coas persoas maiores”. O acto será virtual (igual que o ano pasado).

Guadalupe é traballadora de COGAMI e voluntaria no Concello de Mos. Ela está especializada nas Certificacións Microsoft Office Specialist e IC3 (mellora de competencias dixitais, para facilitar a mellora da empregabilidade), que se realizan no Concello de Mos, grazas a ela. De feito o 19, 20 e 21 de abril houbo unha 4ª quenda de certificación gratuíta convocada por Fundación Esplai, para a cal Guadalupe, preparou ás persoas interesadas en examinarse durante os días 27 e 28 de abril e 4 de maio. E os días 19 e 20 de maio, tamén impartirá un taller destinado a maiores para trámites electrónicos a través do móbil ou tablet.

O proxecto de Guadalupe Ordóñez, polo que foi premiada, está dirixido á alfabetización das persoas desempregadas, e á mellora de competencias dixitais de nivel básico e medio de persoas en procura activa de emprego. Ademais de accións que favorezan a diminución da fenda dixital. Co obxectivo de diminuír a fenda dixital do municipio, están a realizarse diversas accións polo Concello de Mos para achegar internet a toda a poboación como instalación de fibra dixital nas parroquias e programación de accións que faciliten a mellora de competencias dixitais, en todos os niveis. Por iso, e grazas a Guadalupe, voluntaria dixital desde o ano 2016, realízanse diversas accións como as dirixidas a persoas desempregadas para a mellora das súas competencias dixitais, para facilitar unha mellor empregabilidade, a través da formación e preparación das certificacións Microsoft Office Specialist e Expert, e tamén accións con nenos e nenas, a través de actividades relacionadas coa programación.

As súas accións están relacionadas coa mellora de competencias dixitais con colectivos de nenos e nenas, mozoso e mozas, maiores, persoas con discapacidade e persoas en desemprego. Desde o Concello de Mos destacan a traxectoria de Guadalupe como voluntaria e o seu compromiso continuado no tempo realizando accións para a superación da fenda dixital con colectivos que teñen especial dificultade e nunha contorna rural. Hoxe en día, se non tes un acceso ás tecnoloxías e capacitación dixital non podes ser parte activa da sociedade. As TIC necesítanse para todo.

As principais accións voluntarias que realiza son talleres, certificacións, sesións informativas para animar á que a xente participe en talleres TIC. Destacar a súa capacidade de liderado, e a súa personalidade que contaxia ilusión e ganas de aprender e capacitarse no mundo das TIC. É moi profesional e ten grandes capacidades para achegar as tecnoloxías e formar a persoas maiores, algo moi importante porque en Galicia hai unha poboación moi envellecida. 

Guadalupe ten formación en tecnoloxías e profesionalmente ten experiencia como formadora. Chegou como voluntaria a Mos no ano 2016, a través do programa de Voluntariado Dixital que impulsa a Xunta de Galicia. Desde entón é a persoa dinamizadora TIC de Mos. Destaca o seu compromiso continuado e o seu ímpeto por axudar na superación da fenda dixital que moitas persoas sofren. Tamén destaca a súa proximidade, a súa maneira de achegar as tecnoloxías ás persoas, sobre todo ás persoas maiores. Guadalupe é unha persoa considerada de risco e durante esta época do Covid non quixo deixar o seu voluntariado. Foise adaptando ás circunstancias con actividades en liña e cando se puido continuou cos talleres presenciais (máis reducidos en número de horas, adoptando todas as medidas de seguridade, etc.). Especializouse en certificacións de Microsoft e, a través da Fundación Esplai, ao ser un centro Rede Conecta, Guadalupe prepara ás persoas que queren examinarse para certificar as súas competencias. Antes realizara outros labores de voluntariado en bibliotecas.

Esta web utiliza cookies propias y de terceros para su correcto funcionamiento y para fines analíticos. Al hacer clic en el botón Aceptar, aceptas el uso de estas tecnologías y el procesamiento de tus datos para estos propósitos. Personalizar Cookies
Privacidad