Redacción 28/04/2021

A orde de 2020 contou cun orzamento total de 700.000 euros para un total de 29 clubs deportivos e 10 federacións. En 2021 esta partida mantivo o seu importe a pesar do actual escenario de pandemia, e onte foi o Diario Oficial de Galicia publicou a relación de entidades admitidas, inadmitidas e aquelas que precisan emendar a documentación na convocatoria de 2021, admitindo un total de 452 solicitudes das 761 presentadas.

 

O secretario xeral para o Deporte e a delegada da Xunta en Vigo supervisaron o material recibido polos equipos de Vigo e a súa área con cargo a orde de adquisición de equipamentos deportivos de 2020. En total, os equipos olívicos recibiron material por importe total de preto de 200.000 euros entre o que destacan tres furgonetas e un minibus. Desde 2019, esta liña de subvencións axudou aos equipos galegos cun total de 3 millóns de euros e máis dun centenar de furgonetas.

Os equipos asistentes ao acto celebrado na Praza da Estrela foron a Fundación Celta de Vigo, que adquiriu un minibus por importe de 97.380 euros; o Club Atletismo Feminino Celta, que obtivo unha furgoneta valorada en 20.000 euros: o Club Minauta, que se fixo tamén cunha furgoneta por valor de 24.200 euros; o Prado Surf Club, beneficiado con outra furgoneta de 25.000 euros: a Asociación Deportiva Escola Kiap de taekwondo, que adquiriu petos, cascos electrónicos, tatami, proteccións, material de kickboxing, bicicletas estáticas, colchonetas, desfibrilador e caixa de primeiros auxilios por importe de 7.370 euros; o Club As Rodas da Patinaxe Artística, que recibiu arnés, material de ximnasio e caixa de primeiros auxilios por 2.029.40 euros; e o Club de Loita San Ignacio, con tapiz, marcadores, desfibrilador e caixa de primeiros auxilios por 9.653.71 euros.

Ademais, a Federación Galega de Surf tamén estivo representada no acto de supervisión do material recibido cunha furgoneta valorada en 37.300 euros.

A orde de subvencións para a adquisición de equipamentos deportivos de 2020 contou cun orzamento total de 700.000 euros para un total de 29 clubs deportivos, sociedades anónimas deportivas e seccións deportivas, ademais de 10 federacións deportivas. Cómpre salientar que, para o exercicio 2021, esta partida mantivo o seu importe a pesar do actual escenario de pandemia que provoca que parte da actividade deportiva autonómica federada non se está a realizar. Os importes das subvencións son o 80% do investimento subvencionable mentres que a porcentaxe restante é achegada pola entidade beneficiaria. Establécese como gasto mínimo subvencionable unha contía de 1.000 euros, dos cales a entidade beneficiaria deberá achegar 200 euros. Cómpre salientar tamén que se reserva un 30% do orzamento total de cada convocatoria anual de subvención ás federacións deportivas galegas.

Ademais dos equipamentos específicos por modalidades deportivas (32 categorías) e dos equipamentos non específicos, no caso do material sanitario recóllese en 2021 por vez primeira equipamento de seguridade e prevención inventariable no desenvolvemento da actividade deportiva oficial como consecuencia da Covid-19 (mamparas, sistemas de ventilación, sistemas de dispensadores de hidroxeles, sistemas de toma de temperatura, etc.).

Onte, o Diario Oficial de Galicia publicou as listaxes de solicitudes suxeitas a emenda, as solicitudes en motivo de inadmisión e as solicitudes admitidas, presentadas ao abeiro da resolución de equipamentos deportivos para o ano 2021. En total, 452 entidades (427 clubs e 25 federacións) foron admitidas, 90 (86 clubs e 4 federacións) inadmitidas e 219 (208 clubs e 11 federacións) requiridas para presentar documentación pendente ou a emendar. Un total de 761 entidades deportivas galegas (721 clubs e 40 federacións) presentaron solicitude.

Os interesados poderán formular reclamacións, emendar erros e achegar os documentos que entendan oportunos nun prazo de dez días hábiles desde o día seguinte ao da publicación desta resolución no Diario Oficial de Galicia.

Esta web utiliza cookies propias y de terceros para su correcto funcionamiento y para fines analíticos. Al hacer clic en el botón Aceptar, aceptas el uso de estas tecnologías y el procesamiento de tus datos para estos propósitos. Personalizar Cookies
Privacidad