O título do puzzle de 1,77 m x 5,70 m é “Vida Salvaxe” completado por Mónica Cabaleiro Álvarez -da parroquia de Leirado- e levoulle preto dun ano rematalo
Dende hoxe @s visitantes do Parque Público A Canuda poderán gozar dun dos puzzles máis grandes do mundo, con 33.600 pezas, que está exposto nas aulas do recinto e que ata o ano 2017 era o máis grande. Agora mesmo atópase entre os 5 de maior tamaño do mundo.
Vida Salvaxe, así se chama o puzzle que a partir de hoxe estará exposto nas instalación do Parque de A Canuda, cedido temporalmente pola nosa veciña Mónica Cabaleiro Álvarez, natural da Parroquia de Leirado.
Mónica comezou a montalo o 6 de abril de 2020 e rematouno en marzo deste ano. Sen dúbida o confinamento supuxo unha adicación enorme, xa que aproveitaba todas as horas de sol para, peza a peza, darlle forma a este xigante salvaxe. De case un ano que lle levou rematalo, Mónica fixo a metade do puzzle en dous meses, baixando a intensidade unha vez que se levantou o confinamento, para continuar traballando pouco a pouco ata por fin rematalo.
O puzzle mide 1,77 m x 5,70 m e pesa case 20 kg, é o segundo máis grande do mundo dunha soa imaxe, que foi dexeñada en exclusiva por un ilustrador, feito a medida e a escala soamente para este deseño.
Mónica cede temporalmente moi orgullosa o seu traballo para que tod@s, grandes e cativ@s, poidan contemplar as grandes imaxes e o seu traballo. Ao mesmo tempo, xa nos adianta que se está a preparar para facer o anterior a este en tamaño, con 24.000 pezas, para despois pasar ao máis grande do mundo que hai agora mesmo e que conta con 42.000 pezas; este último mide 8 m de longo co cal próximamente ampliaremos a exposición.
Dende o Concello de Salvaterra agradecemos enormemente a Mónica que comparta con tod@s o seu traballo e esforzo, estando segur@s de que será unha fonte de admiración e inspiración especialmente para os nen@s.