A presentación celebrouse esta semana na Cidade Deportiva Afouteza do RC Celta coa presencia do presidente do Club, Carlos Mouriño, do director de La Vuelta, Javier Guillén; así como de Óscar Pereiro e o Vicepresidente Primeiro da Xunta, Alfonso Rueda.
Mos acolleu esta semana a presentación da ETAPA 20: MOS-CASTRO DE HERVILLE, CELA, de La Vuelta Ciclista a España 2021. O acto foi celebrado na Cidade Deportiva Afouteza do RC Celta e foi retransmitido en directo desde a páxina oficial de Facebook do Concello de Mos. Á presentación asistiron o Director de La Vuelta, Javier Guillén, e o ciclista mosense, único galego gañador dun Tour de Francia e Embaixador de La Vuelta, Óscar Pereiro, a Alcaldesa de Mos, o Presidente do RC Celta, Carlos Mouriño, o Vicepresidente Primeiro da Xunta de Galicia e Conselleiro de Presidencia, Xustiza e Turismo, a Directora da Axencia Turismo de Galicia, a Delegada Territorial da Xunta de Galicia en Vigo, representantes de la Mesa de La Vuelta 21 do Concello de Mos, membros do tecido asociativo do Concello de Mos, concelleiros e concelleiras integrantes do equipo de goberno local, outros membros da Corporación Municipal, o alcalde de Sanxenxo, localidade de saída da etapa 20 con meta en Mos; e outras autoridades.
Tratouse dun evento enfocado a detallar o percorrido mosense da etapa 20 de La Vuelta 21, que inclúe a meta no Castro de Herville, parroquia de Cela. Etapa que será a penúltima da competición ciclista e da que moi probablemente sairá o campión. Dito percorrido transcorrerá por 7 parroquias mosenses: Louredo, Mos, Torroso, Petelos, Sanguiñeda, Pereiras e Cela; pasando por lugares emblemáticos do Concello como son a Igrexa de San Salvador de Louredo, o Pazo de Mos, o Centro Dotacional de Torroso, o Multiusos das Pozas, o Pavillón Óscar Pereiro, a Capela das Angustias, o Cristo de Belén, Campo de Eiró, a Asociación de Veciños Nosa Terra de Pereiras, a Igrexa de San Miguel de Pereiras, a Igrexa de San Pedro de Cela, o Alto de San Cosme e, por último, o Castro de Herville.
Ademais de detallar o percorrido, esta semana presentáronse tamén as actividades que se desenvolverán durante os vindeiros meses con motivo da etapa 20 en Mos que serán, entre outras, a V Challenge Rías Baixas (8 e 9 de maio) a Copa España de Carretera organizada polo Club Ciclista Rías Baixas (16 de maio), encontro con Discamino e ‘Pedalea con Discamino’, un mural colaborativo e un concurso de mascarilla conmemorativa para implicar ao alumnado do IES, o evento ‘Mos sobre rodas’, un Campionato de Fútbol 7, unha carreira con ex ciclistas, un día con Induráin e un concerto na Cidade Deportiva Afouteza do R.C. Celta. Por último, presentouse tamén o maillot conmemorativo da etapa mosense de La Vuelta 21.