O Concello e a empresa RodaVigo “colaboran ao 50 %” para sufragar a enterga destes medidores dos que se beneficiarán os 75 hostaleiros do municipio para así dar cumprimento ao plan da Xunta para o sector.
Onte, a alcaldesa de Mos, Nidia Arévalo, a concelleira de Promoción Económica, Desenvolvemento Empresarial e Emprego, Julia Loureiro, e o director xeral de RodaVigo, Nazario Correa, achegáronse ata algúns dos establecementos do municipio para facerlles entrega dos seus medidores e tomar a fotografía pertinente. Tanto restaurantes como bares, cafeterías e taperías están a recibir “de balde” o seu aparello grazas ás aportacións, ao 50%, entre a administración local e a empresa mosense RodaVigo, a cal xa entregara ao Concello, o ano pasado, un total de 2.000 máscaras infantís.
Coa obriga de implantar medidores de CO2 para controlar a calidade do aire nos establecementos, e ante as dificultades de atopar estes dispositivos en cadeas de electrodomésticos locais, os propietarios lánzanse de inmediato a Internet, algo que xa non terán que facer neste caso os hostaleiros mosenses. RodaVigo é distribuidor deste material e grazas a esta empresa o Concello de Mos convírtese tamén en municipio pioneiro en “obsequiar”, di o Concello, aos seus hostaleiros con esta nova tecnoloxía obrigatoria para os restaurantes a partir do vindeiro venres 23 de abril.