Atopan o último tesouro completando os seis existentes
Coa localización do último “tesouro” que aconteceu onte martes, remata o xogo “A MiñaAvoa”, unha iniciativa promovida polo Concello para dinamizar o consumo no comercio de proximidade e na hostalería local.
A Oficina Municipal de Información Xuvenil -OMIX de Porriño- organizou esta iniciativa co apoio da Concellería de Festexos e da Concellería de Comercio, as asociacións de comerciantes “ACIPOR” e de hostaleiros “AHOSPOR” e coa produción a cargo da firma “Especialistas Hípica Celta”.
En total 145 establecementos de hostalería e comercio de proximidade participaron desta iniciativa.
A veciñanza porriñesa participou dun xeito moi activo e acadou descubrir nun tempo record os seis “tesouros”, pois o xogo comezou o sábado 10 de abril e tense rematado en dez días cando a previsión era que durase ata primeiros de xuño.
O xogo que era aberto a toda a cidadanía da vila, consistiu na procura dos seis “tesouros”, consistentes en premios de 50€ para consumir no comercio e na hostalería da vila, dándolle así protagonismo á economía local, non só coa súa implicación, senón tamén porque os premios reverten no consumo das propias empresas locais. Era imprescindible para participar, facer previamente algunha compra nos establecementos asociados e dispor do ticket de compra correspondente.
O último “tesouro” atopouno Blanca Inés Gómez Fortes e estaba agochado nun muro preto do Albergue de Peregrinos. Blanca mercou no establecemento “Meigallo Porriño” e atopou o premio coa pista que colleu e que dicía así: “Que gran xente esa que fai o camiño de Santiago… Dío o valado que contempla o descanso do peregrino. E ao pé do camiño ata podes atopar un tesouro pequeniño.”