Veciñ@s dos barrios Vitureira e Vacaría seguen a padecer ruídos, pó, desprendementos e fendas nas edificacións
Vimos de rexistrar unha moción para que o Concello do Porriño inste á Xunta de Galicia, concretamente á Consellería de Medio Ambiente, Territorio e Vivenda, ao deseño e execución dun Plan de Vixilancia Ambiental sobre a actividade mineira na parroquia de Budiño artellando, de ser o caso, os cambios normativos precisos para acadalo.
O plan ha de ter como obxectivo fundamental non só verificar o cumprimento dos condicionamentos establecidos nas concesións de explotación e de restauración, senón tamén a súa suficiencia; pois veciñ@s de Budiño dos barrios Vitureira e Vacaría, seguen a padecer ruídos, pó, desprendementos e fendas nas edificacións.
Reunidos con representantes das empresas para procurar un compromiso de valoración dos danos nas vivendas polas vibracións, asegúraselle que as medicións realizadas cos sismógrafos son aceptables, delegando o control do ruído ao Concello de O Porriño.
Con relación ás augas, as queixas son constantes e non só da veciñanza. Existen probas gráficas da contaminación dos regatos. Acaba de ser admitida unha petición de Ecoloxistas en Acción ante a Comisión de peticións do Parlamento Europeo nº 1472/2020 para que se investigue ás concesións Eidos, Forna, e Benedicta sitas en O Porriño, que presuntamente contaminan arroios que desembocan no río Louro e que afectan á ZEC Gándaras de Budiño (Rede Natura 2000), e que tras a investigación se leve a cabo unha avaliación do impacto ambiental.
É de xustiza que a veciñanza sexa xa escoitada e as súas peticións sexan atendidas. O Concello debe liderar a reparación da débeda histórica con Atios e Budiño, parroquias afectadas. No caso de Budiño, o primeiro e máis urxente paso, aínda nun tema que non é materia municipal, ha de ser apelar á administración competente, dotada das ferramentas necesarias, para que faga uso delas ante esta situación.