Redacción 19/04/2021

Case 1.500 persoas acudiron onte á convocatoria da plataforma Vía Galega en Santiago de Compostela. “Temos dereito e queremos responsabilizármonos do noso futuro como pobo para rematar coa emigración, crear emprego digno e normalizar a nosa lingua e cultura”, afirmou o escritor Suso de Toro.

 

A manifestación co lema “Galiza nación, un pobo con dereitos”, convocada pola Plataforma Vía Galega, congregou máis de 1.000 persoas procedentes de todo o país que percorreron as rúas de Compostela, coas medidas de prevención da pandemia necesarias, para reclamaren o dereito á autodeterminación e a “construír unha sociedade galega con plena democracia, liberdade e igualdade”.

A mobilización, que rematou na praza da Quintana cun acto final conducido pola actriz Isabel Risco e música interpretada por Jasper e Rodrigo Ramos, contou coa intervención de María Xosé Bravo, da portavocía de Vía Galega, e coa lectura dun manifesto por parte do escritor Suso de Toro e da actriz Neves Rodríguez. Ao remate interpretouse o himno galego.

Así, María Xosé Bravo lembrou os inicios de Vía Galega en 2018 que, tres anos despois, é quen de xuntar e de organizar máis de 65 asociacións “que partillan que Galiza é unha nación, que temos dereitos como pobo e que debemos facer ouvir a nosa voz para construír unha república galega soberana, democrática feminista”.

Fronte aos “mecanismos de desprestixio deste país, de que Galiza é un país pobre e subsidiado polo Estado”, Vía Galega reclama pola contra que este é “un pobo rico cheo de xente traballadora que quere vivir do seu traballo e queremos responsabilizarnos”. Deste xeito, a portavoz reclamou ferramentas como “a posta en marcha dunha Facenda Galega”, como instrumento esencial do novo modelo de financiamento; dunha Tarifa Eléctrica Galega que baixe o prezo da enerxía e considere a electricidade como ben básico para a poboación; a recuperación das concesións dos encoros, en moitos casos outorgadas durante o franquismo; e unha verdadeira política de reindustrialización.

Fixo alusión tamén ao problema demográfico agudizado pola sangría da emigración “que afectou 100.000 mozos e mozas desde a chegada de Feijóo ao Goberno da Xunta” e á necesidade de “defender nós os nosos intereses como a participación directa de Galiza na reforma da Política Pesqueira Común e na Política Agraria Común”, advertiu.

“E fronte a eses que din que as nacionalistas non facemos máis que queixármonos e pedir, nós somos moi claras, moi rotundas: non pedimos nada a Madrid só queremos buscar nós as solucións para os nosos problemas, só queremos vivir do noso traballo”, explicou. “Non queremos roubarlle nada a ninguén mais tamén temos o dereito a esixir que ninguén entorpeza o noso camiño, que ninguén nos roube o futuro”.

“No conxunto do Estado español dáse o debate sobre o recoñecemento da existencia de distintas nacións e dos dereitos colectivos e máis cedo que tarde vai haber modificacións na estrutura territorial do Estado e Galiza ten que estar aí”, afirmou.

Sobre a celebración do 40º aniversario da promulgación do Estatuto de Autonomía, María Xosé Bravo destacou que é “un corsé que nos impide resolver os problemas do presente, e non vai ser con reformas desa ferramenta como atopemos as respostas que este país precisa”.

Pola súa parte, a actriz e comunicadora Neves Rodríguez destacou que Galiza é unha nación porque reúne todos os trazos que conforman unha unidade nacional. “O propio Castelao, no Sempre en Galiza, amósanos a condición nacional de Galiza, por ter idioma propio, territorio diferente, unha vida económica peculiar coa súa estrutura social diferenciada, hábitos psicolóxicos colectivos e unha cultura de seu”, explicou. “Como pobo temos dereito a autodeterminación, a decidir o noso futuro como galegas e galegos”, engadiu.

O escritor Suso de Toro emprazou a “decidir o noso futuro”, pois tórnase “imprescindíbel para impedir o espolio e dispoñer dos nosos recursos e enerxía; para paralizar a eucaliptización do país e a contaminación do noso medio”. A soberanía tamén é necesaria para poder combater con maior eficacia esta pandemia, para dispoñer do noso aforro, para dotármonos dun sistema financeiro público e propio, para gozar duns servizos públicos de calidade e para desenvolver a nosa base produtiva e os sectores estratéxicos da nosa economía, sinalou.

“Só con plena soberanía política, a riqueza, o excedente que xeramos e as grandes potencialidades do país estarán ao servizo de todos galegos e galegas”, explicou o escritor. “Temos dereito e queremos responsabilizármonos do noso futuro como pobo para conseguir maior benestar social, rematar coa emigración, crear emprego digno e normalizar a nosa lingua e cultura”. “En definitiva, para termos unha Galiza para construír unha sociedade libre, máis democrática, xusta e igualitaria”, concluíu.

Esta web utiliza cookies propias y de terceros para su correcto funcionamiento y para fines analíticos. Al hacer clic en el botón Aceptar, aceptas el uso de estas tecnologías y el procesamiento de tus datos para estos propósitos. Personalizar Cookies
Privacidad