Redacción 17/04/2021

Os beneficiarios das axudas económicas xa poden acceder as bases e impresos de solicitude dispoñibles na páxina do Concello

 

 

Desde este venres xa está aberto o prazo de presentación de solicitudes para recibir axudas económicas directas con cargo ao “Plan Porriño Impulsa” que dispón dun fondo de 140.000 € aportados polo Concello e pola Deputación. As bases e os impresos das solicitudes xa están dispoñibles na páxina web do Concello.

Paralelamente o venres o concelleiro de Emprego, David Alonso presentou as liñas fundamentais deste Plan que se aprobou por unanimidade da corporación no último Pleno municipal celebrado.

Acudiron a presentación a presidenta e xerente da Asociación de Comerciantes de Porriño -ACIPOR, Juana Pérez e Noelia Conde rsespectivamente; e o presidente da Asociación de Hostaleiros do Porriño -AHOSPOR- , José Manuel Fernández.

O concelleiro de Emprego lembrou que esta liña de axudas está destinada aos establecementos de hostalería, comercio de proximidade, autónomos e microempresas do Porriño afectados polos peches total ou parciais ocorridos coa ocasión das restricións aplicadas dende xaneiro.

David Alonso ofreceu “o asesoramentogratuíto que a través da técnico da Axencia de Desenvolvemento Local (ADL) prestamos nas oficinas de ‘Porremprego’, para todos aqueles solicitantes que non dispoñan de asesoría para tramitar as solicitudes”.

O concelleiro avogou por que “non teñamos que habilitar novas liñas de axuda, pero se chegado o momento hai que asumir outra liña de crédito, haberá que valoralo. Ao mellor non serían axudas económicas directas, senón outras medidas de apoio e incentivo ao consumo, por exemplo” manifestou Alonso.

Para rematar a presentación, José Manuel Fernández, expresou “o agradecemento dos hostaleiros do Porriño ao concelleiro e a toda a corporación municipal por esta liña de axudas e agardemos que non sexan necesarias outras ao longo do ano”.

Do importe total do Plan Impulsa Porriño, a Deputación Provincial autorizou a utilización do 20% da liña 1 do Plan Concellos para financiar achegas económicas directas por importe de 57.861,02 €. O resto é a achega que aporta o Concello con recursos propios na cantidade de 82.138,98 € ata acadar a cifra total de 140.000 € o que supón un 1% do orzamento municipal total en vigor.

O límite por beneficiario das axudas establécese na cantidade de 1.500 € para aqueles sectores que sufriron o peche total e 1.200 € para aqueles outros que estiveran limitados no horario de apertura ao público ou sufriran perdas significativas.

 

Esta web utiliza cookies propias y de terceros para su correcto funcionamiento y para fines analíticos. Al hacer clic en el botón Aceptar, aceptas el uso de estas tecnologías y el procesamiento de tus datos para estos propósitos. Personalizar Cookies
Privacidad