Alejandro Lorenzo esixe unha reunión urxente dos voceiros locais para defender aos veciños dun “grave golpe económico nun momento especialmente complicado”
Recorda á alcaldesa que “ten que estar na defensa dos veciños” e pregunta que fixo ao respecto desde que se publicou o anuncio o 6 de abril
O Partido Popular solicita ao Concello do Porriño e ao Goberno central que paralicen “de xeito inmediato” a revisión do catastro no municipio, que “suporá un grave golpe económico para os veciños nun momento especialmente complicado pola crise derivada da Covid-19”.
O voceiro do PP, Alejandro Lorenzo, fai referencia ao anuncio que publicou na súa web o Catastro, pertencente ao Ministerio de Facenda) o 6 de abril, no que se anuncia a revalorización catastral de todas as parcelas do Porriño, o que suporá subas millonarias para todos os veciños nun momento moi complicado, no que moitas familias están pasando graves apuros.
“Estamos aínda en prazo para paralizar este catastrazo”, e por iso Lorenzo reclama que se convoque con urxencia aos voceiros locais para facer protesta conxunta e solicitar unha reunión en Catastro”. Ademais, pregunta ao Goberno local “que pasos deu e que está facendo para defender desde xa aos veciños e veciñas do Porriño, porque non se entende que desde que se publicou o anuncio o 6 de abril, a alcaldesa non advertise desta situación tan grave”.
Ademais, recorda que segundo este anuncio “ábrese trámite de audiencia de dez días hábiles desde a súa publicación (ata o 20 de abril incluído) para que os afectados poidan facer as súas alegacións e presentar as probas que estimen pertinentes na xerencia do Catastro en Pontevedra, previa obtención de cita a través da sede electrónica de catastro ou a través dun teléfono. A alcaldesa ten que estar na defensa dos veciños e das veciñas, e durante dez días estivo ocultando un catastrazo que suporá unha grave carga económica para as familias en plena pandemia, e tamén perxudicando a todas aquelas persoas que queiran presentar as súas alegacións correspondentes, que agora só contan con tres días hábiles para facelo”.