A alcaldesa coida necesaria unha investigación por presunto delito de falsedade nas firmas dos concelleiros do Partido Popular porriñés
Un informe emitido polo Secretario Municipal respalda a decisión da Alcaldesa Eva García de non convocar un Pleno Extraordinario solicitado polo PP. O informe do Secretario aprecia que a solicitude do PP non cumpre cos requisitos establecidos por lei.
A alcaldesa denegou a petición “ao non constar acreditada a autenticidade das firmas nin a vontade dos concelleiros solicitantes”. Ese escrito presentado o 22 de marzo polo voceiro do PP, Alejandro Lorenzo, foi denegado despois de apreciarse que “respecto da acreditación da identidade, firma e declaración do resto de concelleiros, só consta un garabato ou simulacro de firma ao final do documento”.
Para que a opinión pública e a veciñanza de O Porriño coñeza mellor o asunto, a alcaldesa Eva García ordenou a difusión de dous documentos públicos. Un deles é o escrito de constitución do grupo municipal e o outro é a solicitude deste Pleno Extraordinario feita o pasado 22 de marzo. As firmas son manifestamente distintas como se pode observar.
A maiores, o PP presentou un novo escrito ratificándose na súa solicitude, desta vez coas firmas electrónicas dos oito compoñentes do grupo municipal.
A alcaldesa coida que “é necesaria unha investigación máis polo miúdo sobre a posible suplantación das firmas dos concelleiros do PP a través do seu voceiro que, de feito, queda recoñecida claramente co novo escrito no que aportan as firmas de todos eles co seu certificado electrónico”.