Redacción 14/04/2021

Onte comezouse a atender ao público nas dependencias municipais de Urbanismo ao ser enviadas xa por Catastro máis de 2.000 cartas que lles irán chegando aos contribuíntes ao longo desta semana. Nestas dúas primeiras xornadas de atención, o Concello rexistrou “unha afluencia media de 100 persoas ao día”.

 

Unha “avalanche de veciños” acode á oficina municipal de información sobre Catastro do Concello de Mos. A administración local mosense destina desde onte dúas traballadoras municipais, a arquitecto técnico e unha administrativa, á información pública sobre a nova revisión catastral pola que Catastro realiza unha ponencia de valores do chan e das edificacións aumentando notablemente o importe do IBI aos mosenses.

Catastro xa enviou máis de 2.000 cartas a contribuíntes de Mos notificando a revisión. Algúns deles xa a recibiron e acudiron ao Concello para informarse. Catastro irá realizando o envío fraccionado e progresivo destas cartas informativas aos contribuíntes mosenses, a razón dunhas 2.000 cartas por semana ata chegar ás 13.381 destinadas á veciñanza de Mos (correspondentes ao número de fincas afectadas). As desta semana xa saíron e están a ser recibidas e a semana que ven recibiranse 2.000 máis.

A Dirección Xeral de Catastro decidiu engadir as construccións á ponencia de valores do chan en Mos, aumentando “aínda máis”, di o Concello, a suba do IBI aos mosenses. Tamén rexeitou o acordo plenario unánime de solicitude de moratoria e decidiu incluír as edificacións “sen anunciarllo ao Concello”, denuncia a administración dirixida por Arévalo.

O Catastro non só denegou solicitude da Corporación de Mos ao completo, aprobada por unanimidade en Pleno o pasado mes de febreiro, de retirada do anuncio de revisión do relatorio de valores do municipio e unha moratoria de dous anos desta revisión colectiva, impulsada pola Dirección Xeral de Catastro do Ministerio de Facenda, para evitar que a veciñanza teña que enfrontarse a un aumento do Imposto de Bens Inmobles este ano. Tamén, ao anuncio da ponencia de valores do chan engadiron a actualización de valores das edificacións, “mesmo se xa fora realizada unha ponencia deste tipo hai poucos anos”, asegura o Concello. Esta actualización que afecta as construcións non se comunicou ao Concello nin se anunciou de ningún modo, senón que foi a administración local mosense a que se decatou “de casualidade por terceiras persoas que teñen acceso á devandita información”, explican.

O Concello de Mos anuncia a encomenda dun informe xurídico para estudar “a posibilidade de recurso” contra as decisións do Catastro. Este estudo será tratado nunha nova sesión da Comisión de Seguemento do novo Procedemento de Valoración Catastral, que se celebrará o vindeiro xoves 15 de abril.

Esta web utiliza cookies propias y de terceros para su correcto funcionamiento y para fines analíticos. Al hacer clic en el botón Aceptar, aceptas el uso de estas tecnologías y el procesamiento de tus datos para estos propósitos. Personalizar Cookies
Privacidad