Hoxe quedou precintada a zona de máis risco e este venres vaise desmontar unha parte para evitar danos maiores
Esta mañá, a concelleira de Educación, Lourdes Moure, inspeccionou xunto co enxeñeiro municipal e con persoal do Parque de Bombeiros, o estado da cuberta do Colexio da Cruz, en Budiño.
Dúas zonas do tellado do centro escolar supoñen un risco, segundo acreditou un informe da arquitecta municipal que o Concello xa remitiu á Consellería de Educación, para que a Xunta de Galicia acometa a correspondente reparación. Tamén a dirección do Colexio solicitou formalmente á Consellería o arranxo urxente da cuberta.
Namentres, hoxe procedeuse a sinalizar e precintar a zona de máis risco, ata que o venres se desmonte a cuberta a partir das 10.00 h. Persoal do parque comarcal de Bombeiros do Porriño, en colaboración cos servizos técnicos municipais, realizarán a desmontaxe das partes da cuberta que se atopan en peor estado.
A dirección do CEIP da Cruz notificará aos pais e nais de alumn@s desta circunstancia, así coma dos cambios nos itinerarios de entrada e saída do centro.