Os once aprendices especialízanse en programación de robots na empresa mosense Unimate Robótica. Esta é a sexta edición do programa, iniciado no ano 2014. O Concello destaca que, en todos eles, foi acadado o obxectivo de inserción comprometido do 45%.
Once usuarios do Programa Integrado de Emprego do Concello de Mos están a realizar un curso de programación de robots industriais nas instalación da empresa Unimate Robótica, S.L. en Monte Faquiña. O curso comezou o 5 de abril e rematará o día 16 deste mesmo mes. En total son 40 horas de formación (20 teóricas e 20 prácticas). Os usuarios que participan nesta formación posúen perfís científico-tecnolóxicos moi ligados a industria 4.0, e recibirán os coñecementos necesarios para desempeñarse a nivel profesional no mundo da robótica industrial coñecendo as tecnoloxías máis actuáis asociadas ao robot.
Nesta formación dáselle unha gran relevancia á parte práctica, xa que o contacto do alumno co robot é o mellor método para aprender e entender o mundo da robótica, simulando probemas reais que aparecen no traballo diario con robots. Os docentes cos que contan os alumnos deste curso son destacados técnicos especializados, profesionais desta área industrial, con ampla experiencia en proxectos de robótica das principais empresas do sector da automoción.
Con este curso o alumnado adquirirá unha sólida base de coñecementos e práctica para a programación de robots industriais. Especialmente deseñado para persoas vencelladas ao mundo das novas tecnoloxías, a automatización, e a robótica industrial; estudantes de informática, electrónica, electricidad, organización industrial… e todo tipo de perfís derivados da educación técnica.
O VI Programa Integrado de Emprego 2020-21 prolongarase ata o 8 de novembro de 2021, subvencionado pola Consellería de Emprego e Igualdade da Xunta de Galicia con 250.000 €. O custo total do proxecto é de 313.283,21 €, polo que o Concello asume o importe non subvencionado. O Programa do ano 2020 estivo marcado pola actual situación de crise xerada pola COVID-19, e neste ano 2021 a situación desta crise non mellorou, polo que o desenvolvemento deste VI Programa Integrado de Emprego está marcado por accións adaptadas a esta situación, fomentándose na medida do posible actuacións que permitan que os participantes poidan en todo momento estar atendidos e participar tanto presencialmente como de forma non presencial, nas mellores condicións.