Redacción 07/04/2021

Este acordo petende o apoio para seguir a estudar a conservación, manexo e emprego da biodiversidade de variedades locais de cultivo galego

A vicepresidenta de Relacións Institucionais do CSIC, agradeceu o apoio da Deputación e desexou que “esta colaboración tan frutífera se manteña no tempo”

 

 

A fluída colaboración entre a Deputación de Pontevedra e a Misión Biolóxica de Galicia, que leva case un século aloxada nunha finca propiedade da institución, fai posible que a nosa provincia sexa “unha referencia en ciencia” outorgando prestixio a Pontevedra, situándoa no mapa e “dándolle un valor global a todas as persoas que habitan nela”, reclacou Carmela Silva.

Con estas palabras, a presidenta da Deputación de Pontevedra puxo en valor o traballo que día a día levan @s profesionais do centro no marco da sinatura da segunda parte do convenio entre o ente provincial e o CISC, a través da Misión Biolóxica, para a “Conservación, manexo e emprego da biodiversidade de variedades locais de cultivos galegos”, para o que o ente provincial aporta 50.000 euros e que se prolongará ata finais deste ano.

Carmela non quixo deixar pasar a ocasión e felicitou á Misión Biolóxica no centenario da súa fundación. A presidenta provincial lembrou “a importancia de cen anos de investigación, estudo e análise” por parte da Misión Biolóxica, “unha institución moi relevante coa que a Deputación de Pontevedra tivo ao longo da súa historia unha profunda relación”. Este vínculo estreitase máis coa sinatura deste convenio, ante a que a Deputación “está encantada de traballar tanto co CSIC como coa Misión Biolóxica para manter a biodiversidade e dala a coñecer”.

No acto que fixo pública a sinatura do convenio, a presidenta provincial estivo acompañada pola deputada de Transición Ecolóxica e Medio Ambiente, Iria Lamas, a vicepresidenta de Relacións Institucionais do CSIC, Rosina López, e a directora da Misión Biolóxica, Elena Cartea. Carmela Silva amosouse orgullosa de que dúas mulleres se atopen nos postos directivos de ambos organismos xa que “se nota moito cando hai mulleres dirixindo porque o fan dende a posición que as mulleres temos no mundo”.

O convenio é un paso máis na colaboración entre Deputación e Misión Biolóxica e promove o aproveitamento e a diversificación de novos usos e formas de cultivo “ligados a produtos moi propios de Galicia e que non podemos perder, polo que é moi importante que as administracións invistamos recursos neste tipo de estudos”, asegurou Carmela Silva. En 2020 asinouse a primeira parte deste acordopara impulsar un estudo sobre os produtos tradicionais locais da provinciae “xa deu moitos resultados pero continuamos tendo moito que analizar e, sobre todo, moito que traballar para manter esa biodiversidade que nos é tan propia”.

Grazas a este novo convenio continuarse coa actualización da xestión das coleccións vexetais e avanzarse identificando variedades con características especiais e valor engadido como o millo, as brásicas, as xudías, as oliveiras e a vide. Todo isto farase a través de avaliacións no campo e en invernadoiro. Ademais, para chegar ao conxunto da sociedade, está previsto que se elaboren materiais de divulgación que poñan en valor a importancia das coleccións vexetais da Misión Biolóxica de Galicia. No marco de este acordo tamén se contratará a unha persoa titulada superior durante once meses a tempo completo.

Rosina López aproveitou a súa quenda de palabra para por de manifesto o compromiso que ten a Deputación de Pontevedra coa ciencia “neste ámbito e noutros moi distintos, e en concreto coa investigación que se realiza no CSIC” e desexou que “esta colaboración tan frutífera se manteña no tempo”. A vicepresidenta de Relacións Institucionais do CSIC agradeceu o apoio a este proxecto “destinado a revalorizar variedades autóctonas vexetais de gran interese” e destacou tamén “o seu papel na preservación do medio ambiente e na contribución á sostenibilidade do ambiente que nos rodea”.

Para Elena Cartea “o traballo que realizamos no marco deste convenio é inxente por todas as coleccións vexetais que temos e esta subvención sérvenos de gran axuda porque queremos que todas elas estean a disposición non soamente de empresas, cooperativas, agricultores e agriculturas, senón de toda a sociedade”. Cartea recalcou que a Misión Biolóxica ten “uns bancos de variedades locais de todos os cultivos que representan a economía agraria da provincia, incluso da rexión, con coleccións moi importantes” e que grazas a este acordo coa Deputación “calquera poderá coñecer todo o traballo que vimos facendo dende hai décadas, o que nos axuda a que a esta biodiversidade vexetal se manteña e sexa coñecida”.

Esta web utiliza cookies propias y de terceros para su correcto funcionamiento y para fines analíticos. Al hacer clic en el botón Aceptar, aceptas el uso de estas tecnologías y el procesamiento de tus datos para estos propósitos. Personalizar Cookies
Privacidad