Trátase dun xogo de dinamización do comercio e da hostelería local
O Concello do Porriño , a través da Concellería de Festexos, da Concellería de Comercio e a Oficina Municipal de Información Xuvenil -OMIX-, xunto a representantes da Asociación de Comerciantes e Industriais -ACIPOR-, dos Hostaleiros do Porriño -AHOSPOR- e Joaquín Rodríguez, da produtora “Especialistas Hípica Celta”, presentaron onte no salón de Plenos da Casa Consistorial “A miña Avoa”.
Trátase dunha iniciativa posta en marcha durante os meses de abril e maio que conta coa colaboración de 126 establecementos, cifra que podería medrar aínda máis.
Este proxecto consiste na procura dun tesouro, que da protagonismo á economía local, non só coa súa implicación, senón tamén, porque os premios reverten no consumo das propias empresas locais “algo primordial nestes tempos de pandemia e crise que remontaremos co esforzo de todos”, manifestou Cami Moreira.
O xogo consiste en localizar páxinas dun xornal vello polas empresas da zona, que conteñen 3 enigmas distintos. A través deles, a veciñanza ten que adiviñar onde se atopa o tesouro escondido.
“Poida que se xogue ao engano, pero só na primeira ollada, posto que non é imposible de acertar” segundo explicou o representante da produtora.