Redacción 01/04/2021

A concellería de Patrimonio está a rematar a rehabilitación e sinalización cun orzamento que ascende a 9.769 €

 

Despois de anos en estado de abandono, a Concellería de Patrimonio que dirixe o nacionalista Pedro Pereira, está a levar a cabo obras de restauración na Fonte da María Rosa en Pontellas, enmarcadas na mellora e conservación deste elemento patrimonial municipal.

O proxecto execútase con cargo a unha liña de subvencións para a rehabilitación e sinalización do patrimonio histórico e cultural da Deputación de Pontevedra, cun orzamento que ascende a 9.769 €.

As obras inclúen a construción dun novo fronte a base de lousas de pedra e a instalación dunha placa en metacrilato que recupera o nome tradicional, Fonte de María Rosa. Demoléronse as antigas escaleiras de baixada e habilitouse un novo acceso máis seguro dende unha zona pavimentada. Revestíronse tamén con pedra os muros de contención para conseguir harmonizar esteticamente o conxunto arquitectónico. Na contorna da fonte leváronse a cabo traballos de rozado  así como o encintado e saneamento das xuntas dos muros que rodean o lugar.

“A fonte estaba en moi mal estado, cun perigoso acceso que impedía un uso seguro e normal por parte da xente. Queremos recuperar espazos públicos tamén no rural. Con estas obras de mellora e conservación a Fonte de María de Rosa gaña en utilidade e convértese nun lugar de encontro para a veciñanza”, detallou Pedro Pereira.

Esta web utiliza cookies propias y de terceros para su correcto funcionamiento y para fines analíticos. Al hacer clic en el botón Aceptar, aceptas el uso de estas tecnologías y el procesamiento de tus datos para estos propósitos. Personalizar Cookies
Privacidad