![](https://porrinodigital.es/wp-content/uploads/2021/04/images_2021_ABRIL_puxeiros-2.jpg)
Tralas recentes queixas dos veciños polo incumprimento desta promesa, o Concello excusa a tardanza na “ausencia de resposta ante a solicitude de permisos a Fomento e Deputación”. Asegura que iniciará inminentemente “as actuacións necesarias nos viais de titularidade municipal” para desviar a circulación dos vehículos pesados de Puxeiros e Sanguiñeda.
O proxecto de supresión do tráfico pesado en Puxeiros, anunciado polo goberno local en 2019, sufriu unha demora derivada, segundo denuncia o Concello, “da deixadez de dúas administracións supramunicipais, Deputación de Pontevedra e Ministerio de Fomento”, ambas gobernadas por partidos diferentes do PP. O tenente alcalde e concelleiro de Vías e Obras mosense, Camilo Augusto, explicou no Pleno celebrado onte que o devandito proxecto, elaborado pola Policía Local de Mos, incluía actuacións que inflúen tanto en viais municipais como de titularidade provincial e estatal, para o que desde o Concello de Mos se solicitaron os pertinentes permisos a Ministerio e Deputación no ano 2019, aos que aínda non se recibiu contestación.
É por este que goberno municipal e Policía Local decidiron actuar de xeito inminente nas vías municipais sinalizando para desviar o tráfico pesado en Puxeiros e Sanguiñeda, evitanto os viais confluíntes, titularidade e competencia das administración supramunicipais mencionadas, para que sexan elas as que actúen en consecuencia se o cren convinte e cando e como consideren, ao non terse pronunciado respecto da solicitude municipal dos seus permisos.
No comunicado, “o Concello de Mos laméntase que, unha vez máis, as diferencias políticas e a deixadez administrativa perxudiquen ao municipio e á súa veciñanza, retrasando dous anos un proxecto que leva elaborado desde o mes de febreiro do ano 2019. Durante meses a Policía Local, coa colaboración de técnicos especializados, traballou nun ambicioso proxecto de eliminación do tráfico pesado das zonas urbanas residenciais do municipio”.
As zonas das que se eliminará o tránsito de vehículos pesados tales coma camións ou trailers son Sanguiñeda e Puxeiros. O Concello asegura que procederá a sinalizar e desviar de inmediato o tráfico nos viais municipais afectados. Na parroquia de Sanguiñeda actuarase en catro tramos, a Avenida de Sanguiñeda, o tramo que vai desde a rotonda do Costilleta ata a rotonda das Angustias sentidos ascendente e descendente, a rúa Areas que vai cara ó supermercado Día; e o tramo desde As Angustias ao supermercado Mercadona; e na zona de Puxeiros actuarase na rúa Ludeiro e na propia Avenida de Puxeiros.
Tamén se pretendía ampliar o rango de actuación en Puxeiros, intervindo a maiores na estrada Puxeiros-Peinador, no tramo que vai desde o edificio da Axencia de Colocación (antigo CDL) ata a rotonda do alto de Puxeiros, neste único sentido; e no tramo que vai desde o Colexio Lar ata a rotonda do alto de Puxeiros, en ambos sentidos de circulación. Mais, dado que son de titularidade provincial e non se recibiu resposta da Deputación á solicitude de permiso, de momento non se realizará.
Pola zona de Sanguiñeda, segundo estimacións da Policía Local, pasan diariamente unha media de 1.000 vehículos dos cales sobre 100 son pesados, é dicir, un 10% do total. E pola zona de Puxeiros, a Policía Local de Mos fai un cálculo de paso de tránsito rodado duns 9.000 vehículos ó día, dos que 1.800 son vehículos pesados, o que representa unha porcentaxe do 20%. O Concello explica que a existencia dos polígonos industriais da Portela, Rebullón e Monte Faquiña na zona de Puxeiros fixo especialmente delicado o traballo, ao requerir dunha complexa reorganización do tráfico, posto que “só ata o alto de Puxeiros se desprazan diariamente entre 2.000 e 3.000 persoas a traballar, estudar, mercar, facer xestións, etc.”.