Deputación e club de élite, “Un mesmo equipo á hora de promocionar ó deporte e a provincia”
Recepción da presidenta Carmela Silva aos e ás representantes dos clubs de elite. “Somos unha potencia e traballaremos para que 2022 sexa o ano do deporte e converter a esta provincia nunha referencia aínda máis grande”.
A Deputación dedica neste ano case 680.000 euros aos clubs de alto nivel, o que supón un incremento do 7,19% con respecto a 2020.
O Salón de Plenos do Pazo Provincial acolleu un “acto de orgullo”, no que a Deputación de Pontevedra quixo facer un recoñecemento público aos clubs masculinos de elite da provincia, como na pasada semana o fixo cos femininos. A presidenta, Carmela Silva, e o deputado de Deportes, Gorka Gómez, recibiron a representantes do Club Balonmán Cangas, Club Cisne de Balonmán, Coruxo C.F., GD Supermercados Froiz, Club Ciclista Rias Baixas, Club AMFIV, Gimnástica de Pontevedra, Bádminton Ravachol, Tenis de Mesa Monte Porreiro e da Agrupación Deportiva Vincios.
A presidenta puxo en valor o tesón co que os clubs están a afrontar a situación actual, “un ano de encerro, de non poder estar co público, dificultades económicas pola perda de patrocinios… Un golpe moi duro do que somos moi conscientes na Deputación de Pontevedra”. Pero o deporte na nosa provincia non se mingua ante as dificultades, tal é así que “temos a sorte de ter novos equipos na elite cada ano, polo que lle dedicamos máis recursos”. Carmela Silva quixo lembrar que este ano o ente provincial tivo que aumentar a súa inversión en política social e a reforzar o seu apoio a sectores produtivos, entre outras actividades, pero que tiña claro dende un primeiro momento que “ao deporte non lle podíamos restar recursos”. Deste xeito, a Deputación de Pontevedra continuou coa súa aposta polo deporte “a pesar de que os fondos do ente provincial foron os mesmos posto que a administración local non recibiu nin absolutamente nin un euro máis de ingresos durante esta pandemia”, subliñou.
Carmela Silva amosouse orgullosa do equipo que forman a Deputación de Pontevedra e os clubs, “que levan o nome da nosa provincia e dos nosos concellos alá onde compiten”. Coa vista xa posta no ano que vén, a presidenta asegurou que “nos gustaría que 2022 fora nesta provincia o ano do deporte, ter máis presencia da que temos e converter a Pontevedra nunha referencia deportiva aínda máis grande”. Para a presidenta da Deputación “non hai recursos mellor empregados que os que se dedican ao deporte”. Silva afronta o 2022 con optimismo e espera “que o mundo local teñamos máis posibilidades para xestionar recursos públicos e seguir dedicando parte deles ao deporte polo que imos a seguir apoiando a todos os clubs”.
As persoas representantes dos clubs coincidiron nos seus agradecementos á Deputación. O presidente do Club Ciclista Rías Baixas Jose Luis Chamorro, puxo en valor a inversión realizada polo ente provincial posto que “é a principios de ano cando temos o gasto máis forte, polo que a achega da Deputación foi fundamental e supuxo para nós un alivio enorme”. Fernando Álvarez, director do Tenis de Mesa Monte Porreiro, aproveitou a ocasión para evidenciar que “a práctica de deporte é segura” nos tempos que corren. Nesta reivindicación tamén coincidiu Alberto González, presidente do Club Balonmán Cangas, quen resaltou a súa “ilusión porque a xente practique balonmán e veñan ao campo a desfrutar del”. Ademais, agradeceu a confianza que a Deputación deu ao seu club ao xestionar unha pista en Príncipe Felipe para os seus adestramentos mentres que as súas instalacións estaban a ser renovadas grazas ao Plan Concellos. Tamén tomou palabra Evaristo Portela, director deportivo do GD Supermercados Froiz, quen lembrou que “o deporte é fundamental na sociedade que queremos, unha sociedade con valores” e arengou ao resto de clubs a “loitar para levar á provincia ata o máis alto do deporte”.
Forte aposta polos clubs de elite
A Deputación de Pontevedra revalida a súa aposta polo deporte ao dedicar 678.000 euros aos clubs de elite da provincia, o que supón un 7,19% máis que en 2020, nun ano no ente provincial equiparou as contías das subvencións nominativas entre os equipos masculinos e femininos que compiten na mesma categoría.