A Deputación amplía á semana Santa ás visitas ás camelias en flor do xardín de excelencia do Castelo de Soutomaior.
Ante a enorme demanda para poder visitar as camelias en flor, ábrense novas visitas para o sábado 3 e o domingo 4 de abril aínda que con aforos limitados.
Ante a impresionante acollida que están a ter as visitas guiadas ao xardín de Excelencia Internacional do Castelo de Soutomaior para poder desfrutar dos históricos exemplares de camelias en flor, a Deputación de Pontevedra decidiu ampliar a realización das mesmas á Semana Santa. En concreto, será o sábado 3 e o domingo 4 de abril cando ás 12 horas comecen estes novos itinerarios, aínda que contan cun aforo limitado e reducido debido ás restricións da pandemia.
Este é o terceiro ano consecutivo que a Deputación de Pontevedra pon en marcha este percorrido botánico, que xa ten esgotadas as entradas para esta fin de semana. Este ano o percorrido inclúe como novidade, ao abeiro da programación do 8M da Deputación, a visita ao “Xardín de Camelia con nome de muller”, o espazo creado no pasado ano 2020 coa plantación da primeira camelia María Vinyals, e completado logo coas variedades Rosalía de Castro, Bella Otero e Jane Andersen. As visitas tamén teñen unha parada na plantación de té de camelia existente nos Xardíns, coa explicación das diferentes variedades de té, a súa historia e os seus principais beneficios.
Ademais, o Castelo de Soutomaior, distinguido co selo Observer de turismo científico, ofrece unha ampla variedade de posibilidades para pasar unha xornada diferente. Entre elas atópase o xogo “Detectives do Castelo”, unha proposta para o público familiar na que as persoas participantes deben demostrar as súas habilidades e descubrir as reviravoltas da fortaleza.
As persoas interesadas poden adquirir as entradas a través do sitio web do Castelo, https://castelodesoutomaior.com. As visitas están guiadas por persoal especializado e celébranse sábado e domingo a partir das 12 horas, cunha hora e media de duración. O custe é de 1,5 € no caso da tarifa reducida e de 3 € a tarifa normal.