Tras varios meses pechado por causa da covid-19 o Centro Cultural As Pedriñas prepárase para a súa pronta apertura. Compre destacar que durante estes meses as obras do “skate park” cuberto transcurriron a bo ritmo, en breve Tameiga contará cun espazo único na contorna para a práctica deste deporte.
A música e o teatro voltan á Sala Rebullón. Tras reorganizar a programación, Tameiga voltará a desfrutar de actuacións de primeiro nivel converténdose de novoz nun lugar de referencia nestes tempos difíciles para a cultura.
“Tentaremos ofrecer o maior número de actuacións posibles durante os vindeiros meses. Actuacións en sesión vermú e pola tardiña. Contamos cunhas magnificas intalacións sería unha mágoa non aproveitalas e seguir ofertando cultura segura. Tal e como estivemos facendo ata que non quedou outra que pechar e aplicar un erte a tódalas peroas que traballan para As Pedriñas” sinala Cao de Mos, responsable cultural da Comunidade de Montes de Tameiga.
A dia de hoxe, as actuacións confirmadas na Sala Rebullón son, entre outras, as de Youcanthide, As Efémeras, Dioivo, Broa, Ruxe Ruxe, Ith, ou Pauliña, agardando que medre a programación grazas á liña de axudas para salas privadas do Agadic.
“Oxalá o AGADIC teña en conta o recurso que presentamos tras non aceptar á Sala Rebullón entre as salas galegas que recibirán subvención deste organismo. Cumprimos con todos os requisitos das bases da convocatoria, pero según eles non somos profesionais e non podemos optar as axudas. Oxalá recapaciten e non teñamos que recurrir á xustiza para loitar por unhas axudas que consideramos nos corresponden”, denuncia Cao. “Con axuda, ou sen ela, nós continuaremos apostando pola cultura do país, e de seguro que teremos unha primavera chea de actuacións de calidade”
O Centro Cultural As Pedriñas abrirá as súas portas despois da Semana Santa, sempre e cando as circunstancias desta pandemia o permitan. Será nese momento no que se anuncie a programación cultural desta primavera.