Redacción 19/03/2021

A CIG advirte a dirección de Depósitos Coballes: “Se tocan a un/ha tócannos a todos/as”.

Delegados/as da central mobilizáronse hoxe no Rosal para rexeitar a represión sindical na empresa.

A CIG demostrou hoxe non está disposta a permitir a represión que se vive na empresa Depósitos Coballes do Rosal dende que os traballadores/as decidiron escoller representación sindical por primeira vez en moitos anos. Delegados/as da central participaron hoxe na manifestación convocada para rexeitar o acoso da dirección a persoas afíns ao sindicato e aos propios membros do comité de empresa. Ao remate da protesta, o secretario comarcal de Vigo, Alberto Gonçalves, advertiu que “se tocan a un/ha tócannos a todos/as”.

O responsábel sindical sinalou que a CIG non descarta adoptar medidas de presión máis contundentes como unha folga para facerlle fronte á actitude da empresa, que mesmo despediu ao traballador máis activo sindicalmente días antes da presentación do preaviso do proceso electoral e sancionou a varios compañeiros. “Hoxe iniciamos unha loita que non vai quedar aquí, porque por moita empresa que sexa non van poder comprar a vontade dos traballadores/as”, asegurou.

O presidente do comité de empresa, Roberto Martínez, relatou o calvario que están a padecer e recoñeceu que os representantes sindicais teñen medo incluso a falar cos seus compañeiros/as porque isto pode supoñer sancións e mesmo despidos. Lembrou que a intención do comité era poñer enriba da mesa as distintas problemáticas laborais existentes en Depósitos Coballes, pero a empresa negouse a dialogar. Con todo, denunciou que a campaña de acoso e represión sindical comezou dende o primeiro momento, sen que nin sequera tivesen trasladado algunha reivindicación.

A marcha saíu este xoves 18 da Cunchada, no Rosal, ás 11:00 horas e rematará diante das instalacións da empresa, no polígono industrial do Viso. Dende a central lembran que a empresa levaba anos sen representación sindical “polo medo do cadro de persoal a enfrontar o que hoxe está a acontecer”.

De feito, a compañía intentou frustrar o proceso de eleccións co despido disciplinario do traballador máis activo sindicalmente días antes da presentación do preaviso, pero o Xulgado do Social de Vigo fallou a favor do afectado, declarando a improcedencia do despido e obrigando a pagarlle a correspondente indemnización.

Posteriormente, días antes das eleccións, presentou un expediente de modificación substancial das condicións de traballo para cambiar de quenda aos traballadores/as máis veteranos/as e utilizou o xefe de fábrica como peza chave para ir sementando medo no taller. “Mais grazas á determinación do conxunto do persoal a CIG conseguiu acadar a maioría no comité de empresa nas eleccións celebradas no mes de setembro”.

Revogación do comité

O seguinte paso da dirección foi intentar revogar o comité “buscando favores en traballadores/as; difundindo bulos no taller; illando aos membros do comité; faltándolles ao respecto mesmo con insultos directos e someténdoos a un control absoluto de todos os seus movementos; buscando sancións; e deixando claro no taller que quen esta a favor do comité está en contra da empresa e pode perigar o seu posto”.

A compañía está a facer todo o posíbel para impedir as reunións do comité, non contestando as súas solicitudes, negándolle a información que legalmente lles pertence e actuando de mala fe nas negociacións buscando só o desprestixio dos representantes da CIG. Diante disto, a central solicitou o pasado mes de febreiro unha medición do AGA coa intención de dar normalidade ás negociacións coa empresa.

A raíz desta solicitude, a patronal Asime convidou aos responsábeis comarcais da CIG-Industria de Vigo a unha reunión o pasado 22 de febreiro “na que se lle ofreceu ao sindicato unha xuntanza na empresa coa intención de mediar ambas partes entre empresa e comité e atopar unha saída aos temas que estaban enriba da mesa, principalmente categorías profesionais e unhas condicións de saúde laboral moi precarias”.

Pero lonxe de mellorar as cousas, durante os 15 días previos ao encontro a empresa intensificou o seu acoso no taller, materializando as súas ameazas con dous despedimentos de persoas afíns as sindicato, unha delas candidata nas eleccións, advertindo que haberá máis.

Tamén sancionou con 5 e vinte 20 días de emprego e soldo a dous membros do comité por sinalar que o tellado das instalacións da compañía supón un perigo para os traballadores/as que son obrigados/as a subir para limpalo. Ademais, advertiran sobre o incumprimento das medidas contra a covid tras unha xuntanza de 11 persoas nunha oficina de pequenas dimensións.

Suspenden as negociacións

Neste senso, dende a CIG consideran que os cartos que a empresa leva gastado en despidos “como ferramenta de medo e represión” bastaban para solucionar gran parte dos problemas de saúde laboral que o comité vén reclamando.

Ao mesmo tempo, indican que despois de ter esgotada toda vía posible de negociación, “e despois de ter aturado un acoso continuo”, os representantes do comité da CIG, “fartos de humillacións e represión”, anunciáronlle á dirección o pasado 11 de marzo que non van retomar negociación algunha até que os compañeiros despedidos sexan readmitidos e lles sexan retiradas as sancións aos membros do comité.

Por todo isto, decidiron iniciar mobilizacións, sen descartar a posibilidade de convocar folga na empresa, ademais de poñer en coñecemento da Inspección de Traballo de todas as irregularidades en materia de saúde laboral e de presentar denuncias en Medio Ambiente, Facenda e Xulgado do Social pola vulneración do dereito de liberdade sindical.

Esta web utiliza cookies propias y de terceros para su correcto funcionamiento y para fines analíticos. Al hacer clic en el botón Aceptar, aceptas el uso de estas tecnologías y el procesamiento de tus datos para estos propósitos. Personalizar Cookies
Privacidad