Redacción 12/03/2021

Hai uns días recibiu 50 COINS de SOGAMA, e este ano mercará 300 cunha achega da Xunta

 

 

O Concello de Tui continua coa aposta pola compostaxe tanto comunitaria coma doméstica. Hai un días recibíronse 50 composteiros individuais que van ser distribuídos entre as persoas que tiñan solicitado este material nos últimos meses e que estaban en lista de agarda. Deste xeito serán xa máis de 200 as vivendas tudenses que conten cun composteiro individual. Este ano o concello ten previsto adquirir 300 novos composteiros individuais grazas á subvención en materia de residuos orgánicos concedida pola Xunta de Galicia con fondos Feder. En concreto esta é unha das accións previstas para este 2021 grazas a esta achega, que en 2020 financiou xa a adquisición dunha biotrituradora, e a campaña de comunicación do Plan de Compostaxe Municipal coa creación do logotipo, imaxe corporativa e paneis informativos para os centros de compostaxe comunitarios.

 

Os 50 novos composteiros recibidos hai uns días serán entregados en charlas técnicas nas que a veciñanza coñecerá as claves para realizar correctamente a compostaxe. A entrega dos composteiros realízase en termos de cesión de uso do composteiro para que tanto a administración local como as/os usuarias/os se corresponsabilicen do correcto uso do mesmo.

 

Por outra parte dende o Concello estase realizar unha campaña de recuperación de datos daqueles composteiros que pode ter a veciñanza e que non están rexistrados na base de datos actual. Por este motivo faise un chamamento a aquelas persoas que conten cun composteiro non rexistrado para que se poñan en contacto coa mestra composteira no teléfono 687 24 99 53 ou no correo compostaxe@tui.gal. Deste xeito poderase contar cos datos actualizados de xestión por compostaxe o que permitirá demostrar que Tui é un concello que recicla. Amais as persoas que se rexistren contarán con asistencia e apoio técnico por parte da mestra composteira municipal.

 

Dende o Concello de Tui tense constatado nos últimos meses un aumento na demanda de composteiros individuais. Aquelas persoas que desexen solicitar un poden cubrir a solicitude dispoñible no apartado de Medio Ambiente na web municipal tui.gal.

 

Na actualizade estímase que nos composteiros individuais rexistrados na base de datos do concello están a xestionar por compostaxe 140 toneladas de residuos orgánicos.

 

Esta web utiliza cookies propias y de terceros para su correcto funcionamiento y para fines analíticos. Al hacer clic en el botón Aceptar, aceptas el uso de estas tecnologías y el procesamiento de tus datos para estos propósitos. Personalizar Cookies
Privacidad