Contará cunha páxina web propia na que se poderán inscribir directamente, increméntase a cantidade dos premios e o esceario da final será no Parque do Cristo
O Concello do Porriño acolleu hoxe a presentación da segunda edición da “Batalla de Debuxantes Improvisdado”, a conta da concelleira de Cultura, Mocidade e Festas, Cami Moreira; e do responsable de “Vella Escola”, entidade produtora do certame, Pablo Castiñeira.
Anunciábao a concelleira como un evento “singular e único que organiza o Concello do Porriño coa intención de crear novas formas de expresión artística, querendo romper estándares e normas non escritas da arte”.
Para esta segunda edición “vaise simplificar o método de inscrición a través dun formulario nunha páxina web específica do concurso Improvisdados, que ademais terá vídeos da edición anterior e un capítulo de preguntas frecuentes” explicou Pablo Castiñeira. A páxina web estará dispoñible de xeito inmediato.
Outras dúas novidades serán o aumento da bolsa de premios para os finalistas e o escenario onde terá lugar a final, que este ano representará un taller mecánico, coche incluído, como se pode ver na maqueta e mudará ao Parque do Cristo.
Cami Moreira manifestou que “no Porriño temos certa tendencia a localizar moitos eventos na praza do Concello e pensamos que é bo explorar outras zonas, a ver como funcionan cun evento de visualización tan plástica”.
O certame transcurrirá do seguinte xeito:
– Os seis participantes finalistas terán 90 min para demostrar a súa habilidade debuxando.
– Poden escoller a temática -en branco e negro- e a ferramenta -rotulador, pincel, brocha, rodillo, esprai-.
– Non terán a situación baixo control en ningún momento, xa que todo dependerá do dado -seis opcións entre paredes e mobiliario- e do xurado -3 xuíces-, que someterán aos participantes a catro retos diferentes.