Tamén ten actuado no lavadoiro situado na Baixa ao Embarcadoiro
O Concello de Tui está a executar estes días labores de mantemento e conservación no Paseo Fluvial e nas súas proximidades.
Por unha banda estanse a revisar, reparar e conservar os elementos dos dous parques infantís situados no Paseo, un nas proximidades das escaleiras de subida á praza da Estrela, e outro no Penedo. Tamén se realizan labores de reparación e conservación nos biosaudables.
Por outra parte leváronse a cabo tarefas de limpeza dos bancos e mesas de pedra situadas no Paseo Fluvial. Tamén se aplicou tratamento para a conservación da madeira dos bancos, para aumentar a súa durabilidade, e se repararon ou substituíron as pezas en mal estado.
Amais as fontes existentes ao longo do paseo van ser substituídas dado o mal estado de conservación, sendo reemprazadas por outras dobres adaptadas para o consumo humano, pero que tamén prestan a función de bebedeiro para cans. Deste xeito dáse resposta á demanda de moitos donos de mascotas que adoitan pasear por este lugar.
Tamén se ten actuado no lavadoiro situado na Baixada ao Embarcadoiro onde se levou a cabo a limpeza de muros e do propio lavadoiro, poda de plantas e revisión do sistema de desaugue, para evitar desbordamentos. Deste xeito ponse en valor este conxunto patrimonial.
Estas actuacións complementaranse con tarefas de xardineiría, introducindo plantas de temporada que aporten cor e vistosidade ao entorno.
Dende a concellería de Parques e Xardíns explican que este é o comezo dun traballo intensivo que se vai estender ao longo dos próximos meses co obxectivo de que todos os parques infantís, tanto no centro urbano coma nas parroquias, estean nas mellores condicións para o seu disfrute por toda a familia. Ao tempo solicitan a colaboración cidadá cun uso responsable destes espazos.