
O conselleiro de Educación reuniuse co equipo directivo do Centro de Formación e Recursos (CFR) de Vigo, que este curso realiza preto de 1.000 accións formativas nas que participan 14.000 docentes da cidade e de toda a súa área. Lémbralle ao rexedor vigués que a súa decisión de “expulsalos da súa casa” non é un ataque á Xunta, senón que é “un ataque directo ao profesorado”.
A Xunta de Galicia empraza ao alcalde da cidade, Abel Caballero, a recapacitar sobre a decisión de “expulsar o profesorado” do Centro de Formación e Recursos (CFR) de Vigo, as instalacións que levan máis de 30 anos funcionando como escola de formación de profesores. Caballero acordou recentemente estabelecer naquelas instalacións unha nova escola infantil municipa, obrigando á Consellería a procurar un novo emprazamento para o CFR.
O conselleiro de Cultura, Educación e Universidade, Román Rodríguez, acompañado pola delegada da Xunta en Vigo, Marta Fernández-Tapias, reuniuse esta semana co equipo directivo do CFR de Vigo para trasladarlles o seu apoio, ao tempo que lles anunciou que se ía poñer en contacto co alcalde para solicitarlle que “recapacite unha decisión que non é un ataque á Xunta, senón ao conxunto do profesorado de Vigo e da área sur da provincia para o cal este centro é a súa escola”.
As preto de 1.000 actividades formativas coa participación duns 14.000 profesores no que levamos de curso dan conta da importancia deste Centro de Formación e Recursos. Os docentes actualizan cada ano nel os seus coñecementos e competencias: “Os profesores son o piar do sistema educativo, que primeiro se forman para despois formar os nosos fillos”, abondou Román Rodríguez. Con todo, Rodríguez lanzou unha mensaxe de tranquilidade á dirección do CFR vigués e asegurou que, se o alcalde non rectifica a súa postura, desde a Xunta traballarase na busca dunha solución “ben organizada, planificada, que non xere problemas a terceiros e sen botarlle a culpa a ninguén”.