Redacción 05/03/2021

O Xulgado do Contencioso-Administrativo número 1 de Pontevedra confirmou a multa de 1.000 euros e a perda de seis puntos do carné de conducir que a Xefatura Provincial de Tráfico lle impuxo a un condutor por circular con drogas no seu organismo pola AP-9 o 16 de decembro de 2018

 

Na sentenza, pioneira en tratar en profundidade a proba de cabelo á hora de determinar o consumo de drogas en condutores, o maxistrado rexeita o recurso presentado polo sancionado, quen alegou que non consumira drogas nin se atopaba baixo os seus efectos. Para iso, achegou unha proba de análise de pelo realizada na Universidade de Santiago que deu resultado negativo en consumo de substancias estupefacentes no últimos cinco meses.

O titular do Xulgado do Contencioso-Administrativo número 1 de Pontevedra, con todo, considera, baseándose nas declaracións de tres especialistas, que a proba do pelo é irrelevante á hora de controlar o consumo de drogas nos condutores, algo que só se pode comprobar mediante probas de saliva e análise de sangue, sendo esta última a máis fiable. A proba con cabelo, segundo a resolución, ten unha utilidade diferente, pois “serve para comprobar se unha determinada persoa é consumidora habitual de drogas, pero non permite constatar un consumo puntual, nun día illado e determinado, se o suxeito non é toxicómano”.

Neste caso, o condutor deu un resultado positivo en cannabis coa proba do drogotest que utilizaron os axentes no momento da detención do vehículo e, segundo considera acreditado o xuíz, rexeitou realizarse unha contraanálise de sangue. Unha segunda mostra de saliva foi enviada a un laboratorio contratado polo Ministerio do Interior e deu positivo en cannabis e cocaína. 

O xuíz, desta forma, dá resposta nesta resolución ás dúbidas sobre a legalidade do sistema co que funciona a Xefatura de Tráfico para analizar as mostras de saliva dos condutores en controis rutinarios sobre condución con presenza de drogas no organismo.

O maxistrado recomenda na resolución á Dirección Xeral de Tráfico que remita ao laboratorio dúas mostras de saliva, en lugar dunha. Desta forma, asegura que se melloraría o sistema, xa que os condutores poderían solicitar unha segunda análise de contraste ao laboratorio e, polo tanto, terían máis garantías. O xuíz destaca que se trata da principal proba de cargo contra os infractores, pois o resultado da análise de saliva comunícase cando xa non é posible acudir á proba de contraste da análise de sangue.  

Esta web utiliza cookies propias y de terceros para su correcto funcionamiento y para fines analíticos. Al hacer clic en el botón Aceptar, aceptas el uso de estas tecnologías y el procesamiento de tus datos para estos propósitos. Personalizar Cookies
Privacidad