Román González, voceiro provincial de Podemos e concelleiro de GañaMós denuncia que “é intolerable que a alcaldesa manteña o seu empeño de sacar adiante un proxecto contra a vontade da veciñanza e en beneficio exclusivo dos grandes grupos empresariais que están detrás dunha operación especulativa”.
O secretario xeral de Podemos Galicia e deputado de Galicia en Común no Congreso, Antón Gómez Reino, ven de presentar unha pregunta ao Ministerio de Fomento na que se interesa pola legalidade da modificación do Plan Xeral de Ordenación Municipal (PXOM) de Mos, que permitirá a recualificación de máis dun millón de metros cadrados de solo rústico para a execución do novo proxecto da cidade deportiva do Real Club Celta de Vigo. Ese proxecto contou co informe desfavorable do propio Ministerio de Fomento e de varios organismos oficiais.
Segundo explica Román González, concelleiro de GañaMos e portavoz de Podemos na localidade e tamén portavoz provincial, os terreos onde xa se construíu a primeira fase da nova infraestrutura tiñan a cualificación de solo rústico de especial protección forestal, e o Goberno local busca agora completar esta primeira actuación cunha segunda destinada á instalación de campos de adestramento, así como cunha terceira que dotaría a zona cunha macroárea comercial.
González lembra que hai varios informes desfavorables de distintos organismos como o xa citado do Ministerio de Fomento e os do Ministerio para a Transición Ecolóxica e o Reto Demográfico e a empresa pública Aeroportos Españois e Navegación Aérea (AENA). Entre outras afeccións, a modificación do PXOM afecta o abastecemento de auga e gas de Mos, incumpre Lei de Estradas e mostra carencias no que se refire ás servidumes aeronáuticas, tal e como se recolle noutro informe da Dirección Xeral de Aviación Civil.
Román González subliña que “a expropiación forzosa e a recualificación deses terreos só reportará beneficios aos promotores do proxecto, é dicir, aos grupos empresariais e investidores e ao propietario do Real Club Celta de Vigo”, sen ningunha repercusión positiva sobre a calidade de vida da veciñanza de Mos, nin sobre os servizos da vila. Así o veñen denunciando as agrupacións políticas da oposición municipal e a Xunta de Comuneiros de Tameiga, que agrupa aos propietarios en réxime de man común de parte das terras que se pretenden expropiar. O proxecto xera perdas para os propietarios e a extinción dun espazo forestal protexido, coas consecuencias negativas derivadas que supón en termos de impacto ecolóxico e perda de servizos ambientais.
Por esas razóns, Podemos pide ao Ministerio de Fomento que se pronuncie sobre a legalidade da modificación do PXOM de Mos e das expropiacións previstas, e que valore como afectará o proxecto á subministración de auga e ao espazo forestal protexido no que pretenden realizarse as instalacións. “É intolerable que a alcaldesa manteña o seu empeño de sacar adiante un proxecto contra a vontade da veciñanza e en beneficio exclusivo dos grandes grupos empresariais que están detrás desta operación especulativa”, conclúe Román González.
González foi elixido por unanimidade voceiro provincial polos círculos de Podemos de Pontevedra a semana pasada. O novo voceiro xa formaba parte do Consello Cidadán Provincial de Podemos en Pontevedra, e foi elixido despois de que a súa antecesora deixara o cargo por motivos persoais.