Aprobouse no Pleno ordinario celebrado este luns e nela acórdase solicitar á Xunta de Galicia a través da Consellería de Economía, Empresa e Innovación, e do Instituto Galego de Promoción Económica, IGAPE, e ao Asministrador Concursal, á búsqueda activa e incesante dun inversor para poñer o centro de traballo, en Torroso, en marcha canto antes.
O Pleno do Concello de Mos celebrado semipresencialmente este luns pola mañá acordou unha moción conxunta de todos os grupos, de apoio aos traballadores e traballadoras de Pili Carrera, na que se insta á Xunta de Galicia, ao IGAPE e ao Administrador Concursal a realizar o máximo esforzo para buscar un inversor e así salvar o centro de traballo. Durante a sesión plenaria estivo presente a presidenta do Comité de Empresa de Pili Carrera, Lucía Giráldez Pérez, que tamén tivo a palabra para facer a súa propia intervención na que expresou a preocupación do colectivo e solicitou a axuda da administración local, en representación de todos os traballadores. Segundo informa o Concello, o vindeiro venres, 26 de febreiro, os membros do Comité terán unha reunión co Administrador Concursal.
O acordo da moción conxunta aprobada por unanimidade versa literalmente que se acorda “solicitar á Xunta de Galicia a través da Consellería de Economía, Empresa e Innovación, e do Instituto Galego de Promoción Económica, IGAPE, e ao Asministrador Concursal á búsqueda activa e incesante dun inversor para poñer o centro de traballo, sito en Outeiro-Torroso, Mos, en marcha canto antes”.