Paloma Castro reclama inversións da Administración Autonómica trala súa visita ao municipio acompañada de Gonzalo Caballero e ediles socialistas da vila
A parlamentaria socialista, Paloma Castro, reclamoulle ao goberno galego que teña en conta as peticións de investimentos de infraestruturas educativas e sociais en Salceda de Caselas, para @s nen@s do Concello con un dos índices de natalidade máis elevado de Galicia. Castro visitou hoxe o Concello xunto co portavoz do Grupo Socialista, Gonzalo Caballero, onde se reuniron co Grupo Municipal Socialista, encabezado pola súa portavoz e tenente de alcade, Verónica Tourón.
A responsable socialista lamentou o “desleixo” do goberno galego coa situación do Concello, logo de que no último debate de Orzamentos rexeitaran tódalas emendas presentadas polo Grupo Socialista que incluían un proxecto de construción do novo CEIP, a reforma do CEIP Altamira, o comedor escolar e melloras no CRA Raíña Aragonta, así como o novo proxecto para construír unha escola infantil Galiña Azul, ou a ampliación do IES Pedras Rubias e a implantación do Bacharelato.
Lembrou que os socialistas tamén incluían nas súas emendas aos Orzamentos a mellora das dúas estradas autonómicas que pasan polo municipio mais a iluminación das mesmas, enlaces e urbanización no caso da zona de Tabernanova.
Castro explicou que o Grupo Socialista continuará reclamando estas actuacións a través do Parlamento durante o que queda de período de sesións, como ven facendo xa no eido educativo ou social, presentando unha serie de iniciativas como a construción da escola infantil Galiña Azul, que o Concello está a reivindicar dende 2018.
Alertou da urxencia desta infraestrutura para a vila coa maior natalidade de Galicia, que só conta cunha única escola infantil pública, co que cada ano moitos nenos e nenas quedan sen praza e pasan a engrosar unha lista de espera que agora mesmo conta con 100 pequenos. Esta situación, dixo, levou ao Pleno da Corporación a aprobar por unanimidade en outubro unha iniciativa para pedir esta escola infantil.
Sinalou que a educación “é un dereito que debemos de protexer sempre”, e acusou ao goberno galego de “permitir fendas ou desigualdades na educación por razóns de territorio, con alumnos de primeira e segunda categoría, en función de que vivan nunha das principais cidades ou nos concellos rurais”.
Ademais, censurou o “cinismo” amosado polo Executivo autonómico, que logo de anunciar “a bombo e prato” unha Lei de Impulso Demográfico para loitar contra o despoboamento, a realidade é que “non actúan en consecuencia”. A realidade é que o Executivo “leva anos privando de servizos esenciais aos concellos rurais de forma progresiva, sinaladamente nos eidos da sanidade ou da educación”, como sucede neste caso en Salceda.
A portavoz municipal e tenente de alcaldesa, Verónica Tourón, puntualizou que “as necesidades de Salceda son moitas e a Xunta non está a atender as demandas da nosa veciñanza, non inviste en novas infraestruturas como saneamento, unha escola infantil ou o centro de día, e nin tan sequera atende a mellorar as existentes que son da súa competencia”.