O sector do transporte de UGT Vigo volve denunciar graves irregularidades por parte das empresas subcontratadas por Amazon no Porriño, encargadas dos repartos.
Desde a implantación na área de Vigo da plataforma loxística de Amazon, UGT denunciou múltiples abusos e irregularidades que sofren os traballadores encargadas de entrgar os pedidos da plataforma nas moradas dos clientes. Lonxe de mellorar neste sentido, Amazon continúa vencellada a casos de vulneración dos dereitos laborais. A coñecida plataforma non parece manter unha política estrita que garanta que as súas subcontratas cumpran coa lexislación laboral vixente, que poida garantir a custodia da aplicación do Convenino Colectivo de Transporte de Mercadorías da provincia de Pontevedra e do resto de dereitos dos traballadores.
As últimas denuncias presentadas hoxe ante a Inspección de Traballo de Vigo por parte da UGT están baseadas na aplicación de descontos salariais inxustificados polo uso dos vehículos de reparto; algo que non se axusta á legalidade. UGT considera que o “entramado” de subcontratas de Amazon está supoñendo unha espiral de subcontratas que perxudica as relacións laborais e precariza as condicións de traballo.
Empresas como Tipsa e outras, subcontratadas por Amazon, contratan co consentimento e a superivisión desta a totalidade dos seus traballadores mediante Empresas de Traballo Temporal, o que supón un elo máis na cadea de intermediarios na relación laboral. UGT asegura que continuará denunciando a precariedade e o imcumprimento do convenio subscrito entre empresarios e sindicatos do transporte na provincia, afin de que “a lei e as reglas en materia laboral sexan iguais para todos, mesmo para Amazon”.