Este texto teatral está escrito en galego e contempla unha linguaxe máis propia da empregada actualmente pola mocidade
Onte presentouse no Concello do Porriño a primeira edición da obra “A cámara escura”, de José Luis Baños, gañadora da III edición do Premio Roberto Vidal Bolaño de textos teatrais, editada pola Editorial Galaxia.
A concelleira de Educación, Lourdes Moure, actuou como anfitrioa do acto xunto co autor, José Luis Baños; o director xeral da editorial, Francisco Castro; e a secretaria do xurado permanente do certame, Raquel Castro.
O premio está constituído pola Editorial Galaxia, o Instituto Ribeira do Louro e o Concello do Porriño é o patrocinador cunha achega anual de 2.000 €.
José Luis Baños, o autor galardoado en 2020, reivindicou “a importancia deste premio por promover a escrita teatral para adolescentes, que vén cubrir un oco que existe entre o teatro familiar e que xa se centra nos adultos”.
A mestra e secretaria do xurado, Raquel Castro, valorou que o texto de José Luis Baños “presente un rexistro de linguaxe urbana próximo á mocidade”, engadindo “esperamos que poida representarse en escea, unha vez que saiamos das restricións actuais”.
Francisco Castro, director xeral da “Editorial Galaxia”, agradeceu o compromiso de gobernos municipais como o Concello do Porriño no apoio á cultura. “Necesitamos políticos que, como sucede aquí no Porriño, sexan cómplices da cultura”. Francisco Castro lamentou que “mentres os estancos están abertos desde o primeiro día do estado de alarma, como servizo esencial, as librarías teñen que pechar”, reclamou o director da editorial.
Por último, Lourdes Moure, afirmou que “mentres eu estea a cargo destas responsabilidades públicas como concelleira de Educación, o Concello do Porriño manterá o seu apoio a este premio. Dende o primeiro momento, tiven claro que o noso deber como administración pública era estar ao lado dunha iniciativa tan lúcida e á vez tan centrada na nosa mocidade”, concluía a concelleira.