Redacción 09/02/2021

Destaca tamén a obtención de certificados de profesionalidade como os de tarefas administrativas ou limpeza de edificios nos que se realizaron un total de 5.858 h de formación

 

 

Salceda de Caselas ven de dar por rematado o seu Programa Integrado de Emprego, obtendo uns resultados moi positivos a pesares da crise sanitaria. O Programa supuxo un investimento de 305.000 €, financiados integramente pola Consellería de Emprego e Benestar da Xunta de Galicia.

O Programa atendeu a 100 persoas desempregadas, acadando os obxectivos para un 58%, aínda que ata un 77% conseguiron un contrato laboral durante o desenvolvemento do PIE.

Cabe destacar o caso de sete persoas participantes que retomaron os seus estudos de formación regrada, ou o de outras sete que puideron sacar o permiso de conducir B1 dentro do programa.

Dende outubro de 2019 en que se iniciou o programa, as persoas desempregadas puideron acceder a diferentes accións formativas, destacando certificados de profesionalidade como os de tarefas administrativas ou limpeza de edificios. Realizáronse un total de 5.858 h de formación, das cales 4.722 foron de xeito telemático. Estas accións incluíron formación práctica en diferentes empresas da zona, que na ampla maioría dos casos desembocou nun contrato laboral nesas mesmas empresas.

A concelleira de Formación e Emprego, Verónica Tourón, declarou “Estamos moi satisfeitas cos obxectivos de inserción acadados, que superaron amplamente o noso compromiso. Temos que lamentar que a Xunta de Galicia non volvese apostar polos Concellos para seguir a xestionar os Programas Integrados de Emprego na nova convocatoria de 2021”.

A alcaldesa de Salceda, Loli Castiñeira, engadiu que “nun ano complexo coma este, marcado pola Covid19, fomos quen de xestionar a maior subvención de emprego dos últimos anos, facendo que 100 veciños e veciñas tiveran unha oportunidade de formación para o emprego, tan importante nestes tempos”.

Esta web utiliza cookies propias y de terceros para su correcto funcionamiento y para fines analíticos. Al hacer clic en el botón Aceptar, aceptas el uso de estas tecnologías y el procesamiento de tus datos para estos propósitos. Personalizar Cookies
Privacidad