Redacción 06/02/2021

A delegada territorial da Xunta, Luísa Piñeiro, dimite tras ser condenada por fraude.

O Tribunal Superior de Xustiza da Galiza (TSXG) revelou hoxe a sentenza contra a que fora alcaldesa de Moraña e o ex presidente da Deputación de Pontevedra, Rafael Louzán. A xuíza impuxo unha pena de dous anos de cárcere e oito de inhabilitación para cargo público. Porén, recurrirá a resolución ante a Audiencia Provincial.

A delegada territorial da Xunta en Pontevedra, Luísa Piñeiro, anunciou esta tarde a súa renuncia ao cargo despois de que o Xulgado do Penal número 3 de Pontevedra a sentenciase, xunto ao ex presidente da Deputación, Rafael Louzan, a dous anos de prisión e oito anos de inhabilitación para cargo público por un delito de prevaricación e fraude pola súa “cooperación necesaria” nunha adxudicación irregular dunha axuda pública.

Malia presentar a súa dimisión por verse relacionada co caso, relativo á súa etapa de alcaldesa de Moraña, polo pago dunha subvención para facer unhas obras no campo de fútbol do municipio que xa case estaban executadas, Piñeiro afirmou que pensa recurrir a decisión xudicial.

Como cabe recurso ante a Audiencia Provincial, defenderá a súa “honorabilidade” e o “seu proceder” cando era rexedora. Comentou que traballou “única y exclusivamente polo benestar dos veciños de Moraña”, algo que fixo “incansábelmente”.

Así o explicou esta sexta feira nunha comparecencia ante os medios decorrida na sede provincial do Partido Popular en Pontevedra. A xa ex delegada da Xunta aclarou tamén que é baixa do partido a pesar de que a “sentenza non é firme”.

En calquera caso, amosouse “sorprendida” pola decisión da xuíza. Síntese inocente, porén marcha para “non prexudicar ás institucións que representa”. Así o falou co presidente da Xunta, Alberto Núñez Feixoo, e o máximo responsábel do PP en Pontevedra, Alfonso Rueda.

Ademais, cargou todas as culpabilidades sobre a Deputación, mais o que fora responsábel desta tamén anunciou que recorrerá o fallo.

En concreto, a maxistrada indica no auto que considera probado que Piñeiro e o ex presidente da Deputación, Rafael Louzán, “cometeron irregularidades para outorgar 86.311 euros a unha constructora para compensala por un sobrecoste nas obras do campo de fútbol de Moraña”.

A sentenza tamén afecta a outras persoas, entre as que están responsábeis da empresa adxudicataria e doutras firmas que aceptaron participar nun procedemento de licitación supostamente ficticio.

Esta web utiliza cookies propias y de terceros para su correcto funcionamiento y para fines analíticos. Al hacer clic en el botón Aceptar, aceptas el uso de estas tecnologías y el procesamiento de tus datos para estos propósitos. Personalizar Cookies
Privacidad