![](https://porrinodigital.es/wp-content/uploads/2020/12/images_2020_DICIEMBRE_terraza.jpg)
O PSdeG de Mos critica a falta de interese do Concello en chegar a acordos para axudar ao sector hostaleiro fronte ás consecuencias económicas da crise sanitaria e as medidas de contención dos contaxios. O goberno local, á vez, di non ter “capacidade nin medios” para asumir a xestión de máis trámites e reclama á Xunta e ás Deputacións que sexa o goberno autonómico quen o faga.
Esta pandemia está afectando sobre todo a uns sectores que se ven obrigados a reducir a súa actividade ou mesmo pechar, mais que aínda así incorren nuns gastos fixos aos que, sen estar abertos, resúltalles complexo facer fronte. É por isto que, neste caso un deses sectores como é o hosteleiro, está reclamando apoio por parte das administracións.
Dende a agrupación socialista de Mos tratouse de chegar a acordos co goberno local, propoñendo a creación de liñas de axudas para os autónomos e os máis afectados. Foilles ímposíbel xa que a alcaldesa rexeitou ofrecer axudas directas argumentando que era inviable darlle 1.000 euros a un autónomo porque non os ía axudar “en nada”. Por iso é que critican o dobre rasero co que agora defende os case 222.000€ que a Xunta di que repartiu entre 127 locais mosenses, e que supón unha media de 1.700 euros por establecemento.
Alén disto, denuncian que o único medio de apoio a este sector foi unha app na que os locais volcaran a súa información. Denuncian o feito de que este medio non se atope actualizado nin coas medidas restritivas anteriores nin cas que temos neste momento. Exíxenlle que, se esta é a única medida de apoio que toman, cando menos que sexa útil para os usuarios dos locais.
A voceira socialista, Victoria Alonso, di que a hostelería mosense está nun claro caso de abandono por parte do Concello xa que non recibiron máis apoio que palabras “de cara a galería na prensa”. Convida ao goberno municipal que inicie un plan de rescate municipal na medida do posible sen esperar ao que diga Feijoo, xa que incide na situación apremiante que están a padecer.
Pola súa banda, o Concello reclama que sexa a Xunta quen centralice os trámites administrativos do “Plan de Rescate”, por ser a administración que aporta máis fondos e dispón de máis medios para resolver con rapidez. Na administración local mosense, di a alcaldesa, “xa temos os servizos municipais en xeral, e os Servizos Sociais en particular, colapsados tramitando diferentes axudas e subvencións locais e supramunicipais para os veciños e veciñas mosenses; e non temos capacidade nin medios para asumir máis trámites”.
Por iso, esta semana, a alcaldesa de Mos remitiulle carta á presidenta da Deputación de Pontevedra na que insta á administración provincial a que acceda a aceptar que sexa a Xunta de Galicia a que centralice os trámites de xestión das axudas do “segundo Plan de Rescate á hostalería”. Argumenta que a administración local mosense e os concellos en xeral xa se atopan “colapsados administrativamente no que a tramitacións se refire, por ser a administración máis próxima ao cidadán”.