Organizacións ecoloxistas, sindicais, políticas e colectivos sociais realizaron accións de protesta diante de diferentes sedes administrativas para denunciar o escuratismo e a falta de participación pública no reparto dos fondos europeos de recuperación. Advirten que estes fondos van ir a parar ás mesmas grandes empresas e sectores industriais que levaron á grave crise climática, social, económica e sanitaria que padecemos actualmente. Denuncian que a Xunta de Galicia pretende repartir o pastel consultando só as grandes empresas, sen ter en conta o tecido social e quen máis sufriu a crise, como a pequena e mediana empresa, o sector sanitario ou o dos coidados. As organizacións salientan que os fondos de recuperación non van ser de balde, senón que serán custeados por toda a cidadanía con axustes laborais, no sistema de pensións e nas contas públicas.
Diversas organizacións ecoloxistas, sindicais e colectivos sociais galegos realizaron este sábado, 30 de xaneiro, accións de protesta diante de diferentes sedes administrativas do goberno do Estado e da Xunta de Galicia para denunciar o escuratismo e a falta de participación pública no reparto dos fondos europeos de recuperación Next Generation, que nos vindeiros anos mobilizarán até 750 mil millóns de euros. Nas accións reivindicativas amosaron carteis simbolizando que o pastel xa está previamente repartido entre as grandes empresas, deixando fóra dos fondos o resto da sociedade.
As organizacións que apoian a reivindicación denuncian a falta de transparencia por parte da Xunta na toma de decisións e nos criterios de adxudicación e esixen un proceso de participación pública vinculante para decidir o destino dos cartos. Así, esixen que os gobernos estatal e galego modifiquen os criterios de reparto dos fondos Next Generation da seguinte maneira:
Que se asegure a transparencia e participación da sociedade civil na toma de decisións e nos criterios de adxudicación e inclusión de estritos controis ambientais e sociais dos proxectos; que se prioricea a contratación para proxectos estratéxicos de desenvolvemento local; centrar o destino do orzamento nunha verdadeira transición ecolóxica e a descarbonización da economía. Que constrúan unha sociedade máis resiliente fronte o cambio climático e a crise da biodiversidade; os proxectos deben plasmar perspectiva de xénero e combater a desigualdade; os proxectos deben priorizar a colaboración público-comunitaria; os fondos deberán dar prioridade ao apoio de iniciativas de persoas autónomas, labregas, mariñeiras artesás, cooperativas e pemes por ser os segmentos laborais que máis empregos xeran e máis repartidos están por toda a xeografía galega; e máis investimento para saúde, educación, investigación, coidados e cultura.
As organizacións sinalan que seguir apostando por aumentar os beneficios económicos de grandes empresas contaminantes que vulneran os dereitos das persoas traballadoras é unha gran inxustiza, e non supón ningunha transición, nin ecolóxica nin socia,. Para abordar a necesaria transición, estes fondos deben destinarse a favorecer unha economía de planificación e xestión democrática, unha economía feminista, social e solidaria
Os fondos europeos asignados ao Estado español ascenden a 140.000 millóns de euros, a metade como préstamos e a outra metade a fondo perdido pero condicionados a reformas estructurais no eido laboral e das pensións. Os fondos que achega a UE están a conseguirse a través da venda masiva de bonos de débeda que non sairán gratis e que, con toda probabilidade, haberá que pagar nun futuro.
O Goberno español, a través da publicación do RD 26/2020, anuncia como pedra angular a colaboración público-privada, cos bancos como xestores “a título lucrativo” do diñeiro. Ademais, limita as posibilidades de acceso, impoñendo uns investimentos mínimos que únicamente poden cumprir os grandes proxectos corporativos dunhas poucas empresas. Mentres, a Lei de Simplificación administrativa e Reactivación de Galicia, que se está a tramitar no Parlamento galego, presentada polo PPdG para burlar a tramitación ordinaria como proxecto de lei do Goberno galego, é a continuidade da Lei de fomento de iniciativas empresariais, máis coñecida como Lei de Depredación, feita a medida das empresas extractivistas de enerxía e outros proxectos especulativos. As organizacións lembran que máis do 50% dos fondos de recuperación serán xestionados polas comunidades autónomas.
En Galiza, a Xunta formou un “Comité de expertos” onde non hai nin rastro de organizacións sindicais, profesionais da sanidade, de servizos sociais, e nin sequera da pequena e mediana empresa e aposta pola creación dunha sociedade público-privada con maioría privada que controle a xestión dos fondos. Semella ter repartido xa o pastel, e polo que se vai sabendo, enfocando unha gran parte dos recursos cara a industria enerxética e as empresas que pretenden lucrarse cun novo espolio dos recursos do sector forestal galego.