Direción Xeral de Adminitración Local, Deputación e Concellos mantiveron onte unha reunión telemática onde trataron a posta en marcha do GES Redondela-Mos. Deputación, Xunta e o Concello de Mos, reclámanse entre si maior implicación no financiamento.
çMos terá un GES compartido con Redondela, cun total de 12 operarios, e a previsión é que poida estar operativo durante o primeiro semestre deste ano 2021. A renovación do mapa de emerxencias de Galiza acordada mediante un recente convenio pola Xunta, a Federación Galega de Municipios e as Deputacións provinciais modifica a distribución dos efectivos dispoñibles na comarca de Redondela. Así, o desta localidade pasa a unirse co de Mos, aínda que ambas as bases mantéñense. Desde elas atenderanse as necesidades de Mos, Redondela, Pazos de Borbén e Soutomaior.
Os trámites comezarán o vindeiro mes de febreiro, e segundo informa o Concello, o grupo “integrarase dentro do servizo Municipal de Emerxencia do Concello de Mos”, que conta cunha “partida do orzamento municipal anual de 100.000 euros, unha base con instalcións totalmente equipadas, dun coordinador do Servizo e de 4 camións motobomba”.
O Goberno galego creará 6 novos servizos de emerxencias -1 na provincia da Coruña, 2 en Ourense e 3 en Pontevedra-, coa colaboración dos Concellos e Deputacións Provinciais, para ofrecer unha mellor atención e tempos de resposta. E un dos 3 novos GES de Pontevedra contará cunha base no municipio mosense. Na Comisión de seguimento dos Grupos de Emerxencia Supramunicipal (GES), tamén están representadas a Federación Galega de Municipios e Provincias (Fegamp) e as deputacións provinciais.
No caso da provincia de Pontevedra, contarase con tres novos Grupos Supramunicipais de Emerxencias: Arbo, A Cañiza, Covelo e Crecente serían atendidos polo GES da Cañiza; Cerdedo-Cotobade, Fornelos de Montes, A Lama e Ponte Caldelas, por un novo GES con sede en A Lama; e Mos, Pazos de Borbén, Redondela e Soutomaior, polo GES Mos/Redondela, cunha base en cada un dos dous municipios.
En materia de financiamento, a Administración autonómica reafirma o seu compromiso para seguir colaborando no mantemento dos GES, postos en marcha en 2013 en consenso entre a Xunta, Deputacións e Concellos. De feito os 6 novos servizos, suporán un incremento no investimento por parte da Xunta de case 300.000 euros, ao pasar de 4,5 a máis de 4,8 millóns de euros, o que supón máis da metade do custo anual dos GES.
A este respecto desde o Concello de Mos solicítase tamén que a Deputación de Pontevedra se implique na dotación de equipamento aos Servizos de Emerxencias dos Concellos en xeral e ao Servizo Municipal de Emerxencias de Mos en particular, así como a GES e Agrupacións de Voluntarios de Protección Civil, das que Mos tamén conta con unha. Para estes colectivos a Xunta destinou nos últimos dez anos 15,3 millóns de euros. Ademais, as achegas do Goberno galego para financiar os cinco consorcios provinciais e comarcais de bombeiros superan os 9,8 millóns de euros.
Porén, na reunión desta mañá da Comisión de Seguimento dos GES da provincia de Pontevedra, o deputado Carlos Font subliñou “o extraordinario esforzo” da Deputación de Pontevedra que incrementou ata case o millón de euros o seu orzamento para costear esta mellora da prestación aos concellos da provincia. Font explicou que “estamos a falar dunha aportación importantísima que supón ata o 0,6% do orzamento provincial mentres que, por poñer un exemplo, a Xunta de Galiza aporta 0,012 do seu orzamento”. “De feito, lembrou, aumentamos nun 55% a nosa participación para o funcionamento dos novos GES de Redondela-Mos, A Cañiza e A Lama. Son 336.000 euros máis que o pasado ano, e para nós trátase dun esforzo extraordinario”, sinalou.
A Deputación de Pontevedra aporta este ano o 40% do orzamento do convenio para o novo modelo dos Grupos de Emerxencia (GES) na provincia. É un total de 941.333 euros, 336.000 euros máis que o ano pasado, un 55% máis. A aportación total dos concellos é de 176.500 euros, o 7,5% do orzamento, e a Xunta de Galiza de 1.235.498 euros, o 52,5%. Así, o esforzo do mundo local sigue a ser imprescindible para a prestación de servizos e garantía de dereitos. Carlos Font rematou sinalando que “con recursos escasos, a Deputación de Pontevedra fai ata cen veces máis esforzo que a administración autonómica”.