Ampliarase a súa lonxitude e dotarase de sinalización, para o cal os técnicos municipais xa se atopan traballando.
Como consecuencia da crise sanitaria da COVID-19, viuse incrementada a práctica deportiva e de lecer ao aire libre por parte da veciñanza, incluíndo as camiñadas diarias ao aire libre e outras. Por este motivo, desde o Concello de Mos decidiuse mellorar e ampliar unha das rutas peonís máis transitadas e frecuentadas do municipio, o Sendeiro dos Muíños da Salgueira, na parroquia de Pereiras, ampliándoo e converténdoo nunha senda circular de cinco quilómetros de lonxitude. Trátase ademáis dunha importante demanda veciñal da parroquia de Pereiras, moi volcada con este sendeiro e estes muíños que forman parte do seu patrimonio cultural, histórico e etnográfico.
O proxecto da Senda Circular dos Muíños da Salgueira en Pereiras, que xa comezou a ser redactado por técnicos municipais e cuxa acometida se espera poida ser iniciada durante este ano, inclúe entre outra melloras a ampliación da lonxitude do sendeiro, que pasará de pouco máis de dous quilómetros a cinco, sinalización horizontal e vertical e instalación de paneis informativos.