Redacción 22/01/2021

Onte aprobouse en Xunta de Goberno Local de Mos o Plan de Seguridade e Saúde necesario para realizar estes traballos de mellora da seguridade viaria na Estrada Louriñó-Sobráns. O inicio das obras, financiadas pola deputación, prevese para comezos do mes que ven e o proxecto inclúe beirarrúas, muros e unha glorieta na contorna do Centro Recreativo e Cultural de Guizán onde precisamente a Comunidade de Montes da parroquia construíu un novo local social.

 

O Concello de Mos continúa co proxecto chamado ‘Mos Humanizado’ e informa de que onte foi aprobado en Xunta de Goberno Local o Plan de Seguridade e Saúde necesario para poder iniciar para a realización da obra de humanización na Estrada Louriñó-Sobráns en Guizán, prevista para comezos do vindeiro mes de febreiro. Neste Plan Municipal ‘Mos Humanizado’ o goberno mosense realizou un estudo de todas as 10 parroquias do Concello para determinar as zonas prioritarias e con máis tránsito. Na parroquia de Guizán, tras acometer a humanización da Estrada Peinador-Santiaguiño, tocáballe o turno á Estrada Louriñó-Sobráns por ser o segundo vial máis concorrido da parroquia.

Trátase dun vial moi transitado tanto por vehículos como por peóns ao dar acceso ao Centro Recreativo e Cultural de Guizán, ao Parque Infantil do Plantel e á Igrexa Parroquial de Santa María de Guizán. Esta estrada serve ademais de enlace entre as parroquias de Torroso e Guizán polo que soporta bastante tráfico. Ademais, a importancia desta obra aumenta ao coincidir cos traballos de construción dun novo local para a Asociación Recreativa e Cultural de Guizán que xa se atopan rematados e nos que a Comunidade de Montes de Guizán investiu un millón de euros.

O proxecto municipal de humanización da Estrada Louriñó-Sobráns afecta a un tramo de 457 metros e inclúe beirarrúas, muros e unha glorieta na contorna do Centro Recreativo e Cultural de Guizán. Ademais realizarase a correspondente reposición do firme. As obras requerirán de traballos previos como o desbrozado lateral, e a limpeza de cunetas e noiros que, unha vez realizados, irán seguidos da rehabilitación de firmes e pavimentos acorde coa Instrucción de Estradas Norma 6.3-IC e o PG-3 do Ministerio de Fomento. A rehabilitación de firmes inclúe unha primeira fase de regularización da capa de rodadura e unha segunda fase de recrecido. A obra rematarase coa instalación e pintado da correspondente sinalización vertical e horizontal, respectivamente. Esta obra conta cun orzamento de execución por contrata de 261.467,64 euros que conta con subvención do Plan Concellos. O prazo de execución das obras é de 16 semanas.

Esta web utiliza cookies propias y de terceros para su correcto funcionamiento y para fines analíticos. Al hacer clic en el botón Aceptar, aceptas el uso de estas tecnologías y el procesamiento de tus datos para estos propósitos. Personalizar Cookies
Privacidad