A alcaldesa Eva García pide á Xunta información máis detallada sobre contaxios e hospitalizados do Porriño
Segundo comunicou a Xerencia da Área Sanitaria ao Concello O Porriño presenta hoxe 92 novos contaxios; e a taxa de incidencia elevouse a 438, segundo a actualización do Sergas.
A alcaldesa do Porriño, Eva García de la Torre, participou hoxe na reunión telemática que o conselleiro de Sanidade da Xunta de Galicia, Julio García Comesaña, mantivo con todos os alcaldes da área sanitaria de Vigo. A rexidora solicitoulle ao conselleiro, información máis detallada sobre infectados e hospitalizados por Covid do Porriño.
García de la Torre indicou ao remate da reunión que mañá venres convocará a Comisión Municipal de Seguimento da Covid, para avaliar a adopción de posibles medidas locais adicionais, complementarias ás que entraron en vigor hoxe no Porriño e noutros concellos da zona.
Por outra banda, a alcaldesa, que permanece en corentena, decidiu que tanto as comisións municipais informativas convocadas para esta tarde como a sesión plenaria da corporación que terá lugar na semana que ven, sexan telemáticas.