Redacción 21/01/2021

O portavoz do BNG, Gustavo Barcia, cre que “a cantidade que reciben algúns medios é excesiva” e pedirá que non se renoven os contratos. Entre os contratos publicitarios e o soldo da responsable de prensa, o Concello de Mos destina cada ano preto de 80.000 euros a fins propagandísticos.

 

Ao longo do mes de xaneiro, o goberno municipal de Mos deberá tomar decisións sobre a renovación dalgúns contratos de carácter anual asinados con certos provedores. É o caso dos acordos para realizar insercións publicitarias en determinados medios de comunicación, aprobados mediante resolución da alcaldía “para a difusión e promoción do Concello de Mos nos actos públicos organizados”. O BNG pedirá explicacións, no próximo pleno, sobre a finalidade real dese investimento e preguntará se existe intención de manter ditos acordos en 2021. O portavoz nacionalista, Gustavo Barcia, entende que “a situación das arcas municipais non está como para facer grandes dispendios en propaganda e menos aínda con todos os gastos derivados da pandemia que será preciso asumir”.

Para Gustavo Barcia, resulta especialmente rechamante a cantidade destinada a algúns grupos de comunicación en concreto, que considera “excesiva”. Xornal 21, con preto de 18.000 euros anuais, e Faro de Vigo, con máis de 12.000, son os principais beneficiarios dos contratos asinados coa prensa. A diferencia respecto ao seguinte, Radio Vigo, é enorme, xa que acordo subscrito con esta emisora, onde Nidia Arévalo é entrevistada de forma periódica, contempla un investimento anual de 3.630 euros. “Confiamos en que a alcaldesa poida xustificar a necesidade de destinar tantos cartos a determinados medios”, indica Barcia, “xa que a veciñanza podería pensar que estes pagamentos foron realizados para obter a cambio informacións favorables”.

O BNG de Mos xa manifestou, en reiteradas ocasións, o seu desacordo co “uso propagandístico” que o goberno municipal realiza dos recursos municipais. Aos máis de 42.000 euros destinados a publicidade, hai que sumar os 35.684 euros de soldo que cobra a persoa designada “a dedo” dende a alcaldía para facer fotos e notas de prensa. En total, segundo Barcia, “son preto de 80.000 euros de todas e todos os mosenses que Nidia Arévalo gasta en propaganda para a súa maior gloria”. O concelleiro lamenta, ademais, a falla de neutralidade das publicacións realizadas nas redes sociais e na web do concello, que “tenden a confundir o interese público cos intereses do PP”.

Esta web utiliza cookies propias y de terceros para su correcto funcionamiento y para fines analíticos. Al hacer clic en el botón Aceptar, aceptas el uso de estas tecnologías y el procesamiento de tus datos para estos propósitos. Personalizar Cookies
Privacidad