Representantes do Concello e da Deputación visitaron onte as obras do Plan Concellos 2018 no parque da Pesqueira no paseo do río Louro, e de mellora do vial de acceso á urbanización de San Eleuterio, parroquia de Tameiga.
As obras do Parque da Auga da Pesqueira, xunto as do Paseo do Louro ao seu paso pola parrquia de Mos, financiaronse con cargo a dúas axudas: unha autonómica e outra provincial. Os labores que asumiu a axuda da Xunta de Galicia consistiron en obras de acondicionamento e restauración ambiental e paisaxística mediante desbroce, poda, control de vexetación, acondicionamiento e regularización do terreno, así coma na plantación de árbores de especies autóctonas e plantas. A outra parte da obra financiouse con cargo ao Plan Concellos da Deputación de Pontevedra.
Este Parque da Pesqueira conta con diversos equipamentos e áreas de xogo e zonas de recreo e lecer, como zona de xogos de auga, zona de elementos biosaudables, e zona de xogos infantís. Ademais inclúe a instalación de rego, sistema de alumeado, rede de saneamento e abastecemento, e unha caseta de control para a rede de abastecemento de auga. Así como zona axardinada e diferente mobiliario.
A área de xogos persegue o obxectivo da inclusión de tódolos nenos, tendo en conta as distintas idade e as posible minusvalías que poidan sufrir, conseguindo deste xeito que tódolos nenos se integren totalmente no xogo e que poidan acceder facilmente ás instalacións, tanto os nenos como os pais ou acompañantes. O Concello de Mos adquiriu mediante compra a particulares 4.000 metros cadrados de terreos para a realización deste parque na Pesqueira.
Pola súa banda coa actuación de humanización do acceso de San Eleuterio creouse na contorna da urbanización de San Eleuterio un novo itinerario peonil que dá continuidade ao existente na Estrada Tameiga-Pereiras, ao Oeste, e chega á Ermida de San Eleuterio, onde se continúa polo Camiño da Levantada, ata a vía de servizo da Autovía A-55, ao Norte.
Esta nova beirarrúa, de polo menos 1.80 metros de ancho, axústase ás aliñacións viarias definidas no PXOM-2017 e garante a seguridade do tránsito peonil entre as vivendas e os equipamentos como o Campo de Fútbol, a Ermida de San Eleuterio ou a Escola Infantil A Galiña Azul de Cototorrón. O largo da calzada auméntase naquelas zonas onde hai estreitamentos perigosos, sempre axustándose ás aliñacións do plan.
A actuación compleméntase cos muros e movementos de terra necesarios para ampliar a sección viaria, e tamén con obras complementarias, como o deseño de nova iluminación eficiente, a adaptación da drenaxe ou a mellora da sinalización. Trátase dunha actuación de gran importancia ao ser a de San Eleuterio unha zona de gran actividade e movemento de persoas sobre todo nos ámbitos escolar e deportivo, xa que nela se atopan ubicados o Campo de Fútbol de Cototorrón do Club Louro Tameiga e a Escola Infantil A Galiña Azul de Cototorrón. Ao que hai que sumar a urbanización de vivendas de San Eleuterio e a Capela de San Eleuterio. A inversión requerida por esta obra de mellora dos accesos a San Eleuterio contou con subvención provincial do Plan Concellos.