Redacción 19/01/2021

A Deputación de Pontevedra contribuíu cun orzamento de máis de 35.000 € que permitiron adaptar o espazo, situado no lugar de Hervillás en Vincios, cara a recollida e xestión do lixo tecnolóxico

 

 

A Deputación de Pontevedra levou a cabo as obras de acondicionamento e adaptación do punto limpo de Gondomar para a xestión e reciclaxe dos residuos eléctricos e electrónicos, nas que a institución provincial investiu un orzamento de 35.307 euros. Grazas a estes traballos, que se enmarcan no proxecto ESTRAEE, a veciñanza conta xa cun espazo totalmente renovado no que depositar, para a súa reciclaxe, todo tipo de electrodomésticos, aparellos informáticos ou televisores, entre outros.

Deste xeito a veciñanza de Gondomar gaña un novo servizo para depositar o seu lixo electrónico, un tipo de residuo especialmente contaminante e cuxo crecemento estamos a ver de xeito preocupante. Os deputados provinciais Santos Héctor e Iria Lamas visitaron este novo espazo de reciclaxe, no seu percorrido estiveron acompañados polo alcalde de Gondomar, Francisco Ferreira, e o concelleiro de Medio Ambiente, Brais Misa.

No punto limpo de Gondomar, situado no lugar de Hervillás da parroquia de Vincios, habilitouse máis polo miúdo un edificio para almacén e reutilización dos residuos, dotado con gaiolas e estantes para o correcto tratamento deste tipo de aparellos e cinta xa con transpaletas, máquinas para o movemento dos palés que foron entregadas pola Deputación. Doutra banda, instalouse iluminación e tamén un sistema de protección contra incendios e paneis indicativos. As actuacións completaranse proximamente coa dotación dos sistemas informáticos de acceso e seguridade para mellorar a xestión do ecocentro.

Este punto limpo de Gondomar está aberto de luns a xoves en horario de 16.00 a 19.00 h, e os venres e sábados de 9.00 a 13.00 h. Ademais, hai servizo de recollida a domicilio previo aviso no teléfono 900 107 382.

O proxecto ESTRAEE (Estratexia Sostible Transfronteiriza para a Xestión dos Residuos de Aparellos Eléctricos e Electrónicos) conta cun orzamento total de 2.145.000 € e ten por finalidade impulsar no espazo transfronteirizo Galicia-Norte de Portugal a xestión de residuos de aparellos eléctricos e electrónicos (RAEE). Está soportado ao 75% polo fondo FEDER, que achega algo máis de 1,6 millóns de Pontevedra. A Deputación e o resto dos socios achegan os 536.381 € restantes.

Esta iniciativa permite o cumprimento da normativa europea e española sobre o tratamento do lixo tecnolóxico adaptando os nove puntos limpos da provincia: Meaño, A Guarda, A Lama, Gondomar, Nigrán, Mancomunidade do Morrazo (Bueu, Cangas e Moaña), Ponteareas, Silleda e Vilagarcía de Arousa. Nestas nove obras invístese un orzamento de 618.000 €.

Esta web utiliza cookies propias y de terceros para su correcto funcionamiento y para fines analíticos. Al hacer clic en el botón Aceptar, aceptas el uso de estas tecnologías y el procesamiento de tus datos para estos propósitos. Personalizar Cookies
Privacidad