A alcaldesa, Eva García, destaca a legalidade da contratación e resposta que “eles mesmos tiñan ao cuñado do anterior alcalde contratado como cargo de confianza”.
Eva García de la Torre, alcaldesa socialista do Porriño, ten contratados actualmente a dous cargos de confianza pertencentes ao Partido Socialista e que foron candidatos polo partido socialista en Oia e A Lama por unha cuantía de 62.589,38 € anuales, asunto que crea molestias na agrupación popular do Porriño.
O PP do Porriño pon en xaque a nova contratación de confianza ocupada por José Antonio Olmedo como asesor económico e financieiro, o que supón un gasto anual de 31.643,64 €, sumándose á contratación do ano pasado do ex candidato socialista de A Lama. Os populares preguntan “cal é a intención política real de colocar a persoal ligado ao PSOE a costa do orzamento porriñés” e denuncia unha vez máis que “os problemas reais dos veciños e veciñas do Porriño non se atopan entre a prioridades do actual goberno socialista, que segue aumentando as nóminas e xerando emprego pero somente no seu partido”.
O voceiro popular, Alejandro Lorenzo ‘Caroca’, denuncia que “pese a terse comprometido a que tan só se contrataría a unha persoa de confianza, son xa dous os contratos de tipo político que mantemos dende o concello do Porriño. Eva García deberá sopesar se é necesario que os porriñeses soporten estes gastos para remunerar aos excandidatos socialistas doutros concellos, que nada teñen que ver co Porriño; xa non son nin da comarca do Louriña”. Remata sentenciando que “os cargos de confianza da actual alcaldesa son a sucursal do PSOE de Pontevedra”.
A alcaldesa, en resposta ás cuestións, comenta que “eles mesmos tiñan ao cuñado do anterior alcalde contratado como cargo de confianza. Namentres, o anterior alcalde sumaba nóminas de máis de 10.000 € mensuais sendo deputado provincial, e cando tivo que deixar o cargo, como non lle chegaba o salario de alcalde optara pola súa xubilación. Ademáis de cobrar por plenos, comisións informativas e xuntas de goberno. Se a iso lle sumamos as remuneracións de outras asistencias técnicas para suplir as limitacións dalgunha concelleira, pódese observar que non están en condicións de dar leccións a ninguén”.
“O nomeamento dun cargo de confianza é potestade e competencia da alcaldía” afirma a rexidora, e pregunta se “o que pretende o PP e que contrate a persoas do seu partido, cando é claro de entender que a min non me producen ningunha confianza”.
En resposta ao voceiro, anota que Alejandro Lorenzo “cobra máis ca alcaldesa por ser deputado provincial na oposición, é dicir, por non facer nada. Non sabemos qué iniciativas presentou a favor do Porriño, e ese salario tamén sae do noso bolsillo. Polo contrario, parece que se utiliza para perxudicar aos veciños e veciñas do concello porriñés” e sentencia que “eles saberán o que fan, e as veciñas e veciños tomarán nota de que fai cada un polo beneficio do pobo”.
Eva García remata aconsellando aos populares “que traballen en positivo polo Porriño, e se non son capaces que non poñan paus na roda cunha oposición tóxica, agresiva, faltona e sobretodo inoperante”.