Redacción 15/01/2021

Gustavo Barcia denuncia o reiterado incumprimento da lei que obriga ao goberno municipal a facilitar o acceso á información pública. O BNG leva meses agardando polas facturas de gastos protocolarios de 2019, que superaron nun 575% a cantidade prevista no orzamento.

 

As dificultades para exercer o labor da oposición levaron ao BNG a denunciar publicamente o reiterado incumprimento das leis de transparencia municipal por parte Nidia Arévalo. Numerosas solicitudes de información pública, remitidas ao goberno municipal nos últimos meses, seguen agardando por resposta e o concelleiro nacionalista Gustavo Barcia puxo esta situación en coñecemento da Valedora do Pobo. Xa lle foi remitido un escrito no que se describe a “situación antidemocrática” que se está a vivir no Concello de Mos, onde se están vulnerando, na súa opinión, “non só os dereitos dos concelleiros, senón os de toda a cidadanía á que representamos”.

Barcia lembra que “un dos piares da democracia é a transparencia, así como o labor de fiscalización que lle corresponde aos grupos da oposición”. Segundo o portavoz nacionalista no Concello, “agora ao autoritarismo nas sesións plenarias hai que sumarlle a falta de respecto da alcaldesa pola lei ao pretender negarnos o acceso á información sobre a acción do goberno”. Isto, insiste, “é unha demostración máis de que o PP de Mos non goberna para toda a veciñanza e de que para eles hai cidadáns bos e malos dependendo de a quen voten”. O concelleiro do BNG confía en que a Valedora do Pobo inste ao goberno municipal a cumprir coa lei de Bases do Réxime Local e, “se a situación non dá unha viraxe de 180 graos”, anuncia a súa intención de acudir outras instancias, “ben sexan de índole política, administrativa, policial ou xudicial”.

Os nacionalistas sinalan que un dos exemplos máis rechamantes de como o goberno de Nidia Arévalo vulnera as leis de transparencia é o dun escrito presentado hai dous meses no que se reclaman as facturas correspondentes a gastos de protocolo de 2019. No orzamento de aquel exercicio estaban consignados 2.000 euros para esta partida, pero a contía final ascendeu a 13.490,76 euros sen que o goberno municipal ofrecera maiores explicacións. A cifra supera nun 575% o que estaba previsto inicialmente e a alcaldesa dixo nun pleno que esa información estaba xa a disposición do BNG, pero o certo é que a documentación nunca foi entregada. “Non sabemos que é o que pretende agochar o PP”, indica Gustavo Barcia, “pero temos a sospeita de que neses gastos de protocolo hai algo que non queren que a veciñanza coñeza”.

Esta web utiliza cookies propias y de terceros para su correcto funcionamiento y para fines analíticos. Al hacer clic en el botón Aceptar, aceptas el uso de estas tecnologías y el procesamiento de tus datos para estos propósitos. Personalizar Cookies
Privacidad